A exconselleira apostou no Foro La Región pola implicación cidadá na política e na transformación da situación actual

Táboas: 'A crise serve de coartada para aniquilar esta feble democracia'

Asistentes á conferencia de Teresa Táboas no Simeón. (Foto: MARCOS ATRIO)
'A crise está servindo como coartada para aniquilar a democracia feble que aínda ten o Estado español'. Así de contundente comezou onte a súa conferencia sobre 'A Galicia do futuro' a exconselleira de Vivenda e arquitecta Teresa Táboas. Na súa exposición, Táboas apostou pola implicación da cidadanía na política, poñendo como exemplo a viraxe que Islandia conseguiu dar á súa economía. 'Non somos conscientes do poder que temos nas nosas mans para poder mudar a situación', salientou.
Nese senso, a exconselleira ve que un dos piares da Galicia do futuro debe ser un proxecto cívico, ó que definiu como a 'radicalidade democrática, con listas abertas, a limitación de mandatos e unhas primarias abertas á sociedade'.

Táboas, que participa no xerme da organización Compromiso por Galicia, mantivo a tese da implicación cidadá incluso cando un asistente preguntou pola posibilidade de que todas as forzas nacionalistas concurran xuntas ás eleccións autonómicas. 'É tempo da concentración de xente, non tanto das forzas políticas con siglas', dixo, aínda que engadiu que 'todos os que están baixo unhas siglas políticas que se identifiquen cunha forma diferente de facer política teñen que converxer, se hai xenerosidade'. Con todo, advertiu do risco de que os cidadáns pensen que 'se unen para gobernar e iso non é bo, temos que pensar doutra maneira'.

O outro piar do que falou a exconselleira é a economía social. Segundo ela, unha nación debe apostar por unha economía deste tipo, sen base para a especulación, 'cos pés no territorio e potenciando o que fomos e o que temos, sen traspasar as liñas vermellas, que son a educación e a sanidade públicas e as políticas sociais'. Na relación entre economía e nacionalismo, Táboas cre que en Galicia 'falta unha clase empresarial que se una e aposte por este país'.

A exconselleira foi crítica co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen acusou de discurso 'demagóxico' ó falar da redución a 60 dos deputados galegos. 'Por que non fala de dar máis representación ós cidadáns e que o Parlamento se convirta nunha caixa de resonancia do que pensa o pobo?', preguntouse, calificando de 'baleiro de contido e mediocre' o debate aberto por Feijóo. No ámbito da ordeación do territorio cre que 'precisamos políticos con valentía e que saiban e non que xoguen ós absurdos'.

Te puede interesar