A Tecnópole aposta pola ciencia “en feminino”

Onte arrancou a cuarta edición do proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España, na que está integrada a Tecnópole. O obxectivo desta iniciativa é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía na secundaria e opten posteriormente por carreiras de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas; debido á súa baixa presenza nestas materias.

A directora da Axencia Galega de Innovación -GAIN-, Patricia Argerey, foi a encargada de presentar esta nova edición. Na súa intervención fixo referencia á desigualdade da muller na ciencia e a tecnoloxía. Salientou que “é imprescindible reducir a brecha de xénero nos estudos e nas profesións STEM. Necesitamos incrementar o número de rapazas que se deciden polas especialidades de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas”.

Este programa diríxese a estudantes de 1º a 3º da ESO e tamén está aberto aos últimos cursos do ensino primario, que poderán participar nunha serie de xornadas e actividades organizadas polos 19 parques colaboradores ata o mes de abril de 2022. Na Tecnópole, celebraránse tres xornadas -os días 9, 10 e 11 de febreiro- nas que se convidará a mulleres que traballan no campo da ciencia e a tecnoloxía, que relatarán a súa experiencia de xeito práctico e interactivo, co fin de que as alumnas teña a oportunidade de coñecer de preto ás profesionais, interactuar con elas e descubrir as novas posibilidades nestas disciplinas.

Te puede interesar