A Tecnópole e o Polígono de Sabón, referentes no I+D+i

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) e o Polígono Industrial de Sabón (Arteixo, A Coruña) presentarán hoxe en Madrid a súa experiencia de colaboración no marco do Programa entre Parques Industriais e Tecnolóxicos (COPIT), logo de ser elixida como caso de éxito entre todas as levadas a cabo en España.
Como resultado da primeira fase deste programa, iniciada a finais de 2009, pecháronse dous acordos en firme para levar a cabo proxectos de I+D+I conxuntos entre dúas empresas de Sabón e o Centro Tecnolóxico Aimen, que ten a súa sede comercial na Tecnópole. Ademais, estanse a concretar outras dúas colaboracións que aínda están en fase de negociación. Por este motivo, o programa terá continuidade tamén este ano, no que se agarda que os contactos para intercambio de oferta e demanda de tecnoloxía se materialicen en máis futuras colaboracións.

Os proxectos de I+D+i que se están a poñer en marcha como froito dos intercambios propiciados por COPIT en Galicia desenvólvense nos ámbitos da enxeñería de materiais e do medio ambiente.

O primeiro deles ten como eixe o ensaio de novos materiais para a fabricación de transportes blindados. O outro ten como obxectivo a mellora de parámetros medioambientais na depuración de residuos.

Estes acordos producíronse como resultado de tres sesións de traballo que tiveron lugar a finais de outubro de 2009, nas que tecnólogos e empresarios

do Parque Tecnolóxico de Galicia intercambiaron información sobre servizos e proxectos con empresarios dos Polígonos de Sabón e San Cibrao, que expuxeron principalmente as súas demandas tecnolóxicas para establecer o punto de partida cara novas relacións comerciais e proxectos de innovación conxuntos.

Te puede interesar