CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

...E se no Titanic viaxara un ourensán?

Arturo Selas Varela nunha foto de estudo realizada en Nueva York.
photo_camera Arturo Selas Varela nunha foto de estudo realizada en Nueva York.
A memoria de Arturo Selas dorme entre os soutos centenarios que circundan o cemiterio de Ansemil e con ela a única voz autorizada que podería confirmar ou desmentir a sospeita de que, se cadra, tamén houbo un ourensán na travesía no Titanic

Coma tódalas historias incribles, a inmensa maioría non serían nada suxerentes nin atractivas se non arrastrasen con elas un enigmático ronsel de dúbidas e non estivesen ateigadas de incógnitas e claro-escuros que é posible que non acaden nunca unha resposta.

Tal é o caso da que, ó longo de 69 anos, trazou Arturo Selas Varela, un ourensán nacido na pequechiña aldea de Sambades (Verea), no seo dunha familia humilde e labradora e a quen, moi novo, se lle fixeron agobiantes os curtos horizontes do río Sorga, polo que, coma tantos e tantos ourensáns nacidos no século XIX, procurou poñerlle remedio buscando un respiro bebendo os ventos doutras latitudes do ancho mundo.

De estudala con certa profundidade encargáronse o xornalista audiovisual lucense Alfonso Díez Veiga como docente dun grupo de traballo formado por cinco alumnos dun obradoiro de emprego sobre o desenvolvemento de proxectos audiovisuais no que tamén estaba a veciña de Verea, Maite González, quen, no transcurso da treboada de ideas previas sobre as que traballar nas prácticas formativas, apuntou a posibilidade de abordar a historia dun seu veciño "que disque viaxaba no Titanic".

De tal investigación despréndese que, malia que Arturo Selas non aparece nos listados de pasaxeiros nin nos da tripulación do transatlántico, iso non é suficiente para desbotar a súa presenza a bordo. Unha presenza por el reafirmada nos relatos de lareira -segundo asegura a súa sobriña-bisneta, Pepita Nogueiras- e incluso contrastada pola existencia dalgún obxecto perdido de cociña "ó que nunca se lle deu importancia na casa, porque para os meus pais e a miña avoa -que era sobriña del- non eran máis cás historietas do tío Arturo".

Un Arturo do que, gracias ás esculcas do grupo de Alfonso Díez e ós rexistros do arquivo da inmigración da neoyorquina Isla de Ellis, agora sabemos que despois da súa posible travesía no Titanic, dedicou gran parte da súa vida profesional ó traballo de cociñeiro en diversos buques de pasaxe, con orixes repartidos en portos tan distantes coma o irlandés de Cobh ou o de Ciudad del Cabo, de Lorient, Vigo ou Lisboa, de Buenos Aires, Santos ou La Habana, e sempre con destino en Nueva York, onde residiu cando non estaba de viaxe, ata 1956 cando decide retirarse e asentarse na cidade de Ourense.

Por que, malia non aparecer nos documentos do Titanic, se pode aventurar a súa presenza na fatídica travesía? Velaí a gran pregunta á que lle dá resposta a contestación que a Fundación Titanic España lle ofreceu ó equipo de Alfonso Díez, indicando que "al igual que se cuenta en la película de Cameron, muchos entraban con billetes nominativos aunque no les perteneciesen", ata o punto de se ter dado o caso "de un bombero ebrio al que le robaron el billete mientras dormía, lo que motivó que, cuando se produjo el hundimiento, su madre lo diese por muerto durante meses, hasta que un día apareció por la puerta de casa".

Teoría, esta, que sustenta o relato dos xornalistas Javier Reyero, Cristina Mosquera e Nacho Montero, que estudaron con profusión a vida dos dez españois documentados na viaxe -dos que se salvaron sete-, no interesante libro "Los 10 del Titanic", cando aseguran que o persoal de cociña non formaba parte da tripulación nin da pasaxe, porque eran equipos subcontratados e de procedencia italiana e francesa, polo que forma parte do posible que, co fin de intergarse e pasar desapercibido, falsease a súa identidade por outra de calquera desas dúas nacionalidades.

Daquela, Arturo Selas, tiña a ilusionante idade de 21 anos e toda unha vida por diante que case se conxela no frío océano aquela noite horrible, na que, por certo, tamén viaxaba outro pasaxeiro con raigame galega. Neste caso era un millonario chamado Thomas Drake Martínez-Cardeza, banqueiro de profesión e neto do político coruñés Juan Martínez-Cardeza, que emigrara a América en 1805.

Un diario de a bordo, escrito en inglés, que viaxou a Venezuela e nunca máis volveu

Arturo arrastrou sempre unhas lesións nas mans como secuelas do naufraxio.
Arturo arrastrou sempre unhas lesións nas mans como secuelas do naufraxio.

É evidente, entón, que para poder dar por certa a súa presenza no famoso transatlántico, en tanto non aparezan outros datos que o certifiquen documentalmente (Alfonso Díez incluso se puxo en contacto co FBI), é preciso fialo todo á palabra por el transmitida durante os derradeiros anos da súa vida, nos que residiu en Ourense, ata que faleceu, o día de Nadal de 1960.

A súa sobriña-bisneta, Pepita Nogueiras, teno claro. "Na familia -di- non se lle deu importancia, nin ós seus relatos, nin ós obxectos que gardabamos na casa", ata que no ano 1997 saíu a película. A partir de entón, si que comezaron a valorar a verosimilitude das súas narracións e o verdadeiro valor dos obxectos custodiados. Pero, para aquela, nalgúns casos xa era tarde. Un mandil, unha culler, algúns papeis e, sobre todo, un diario de a bordo que Pepita lembra ben porque estaba manuscrito en inglés e que, cando tocou facer o reparto do que deixou, unha prima de Venezuela levou con ela coa desculpa de traducilo e nunca máis o devolveu.

O regreso de Arturo Selas a Ourense, xa con 66 anos, tamén forma parte do enigma, xa que en Nueva York deixou un fillo e unha filla "sobre os que dicía que quedaran ben, pero nunca tivo moito interese en que contactaramos".

O certo é que, polo que transcende da conversa con outros familiares, ademais dun home serio, tamén foi xeneroso. Quen o ratifica é un seu sobriño-neto, Eliseo, que na súa casa de Sabucedo me amosa orgulloso un reloxo Omega, de ouro de 18 quilates, que dis que "estivo 7 anos metido nunha maleta no mar". Mentres me permite fotografalo, Eliseo infórmame de que a súa xenerosidade foi tal que "á miña nai deixoulle 500 mil pesetas do ano 60, a outras dúas sobriñas outras tantas e a outro sobriño 100 mil, ademais de repartir tamén entre a familia un chalé que tiña nas Lagoas e outros tres pisos que tamén tiña en Ourense, así como varios soutos e carballeiras que tiña en Sabucedo".

E se enigmático resultou o seu regreso para Ourense, non menos enigmático resultou aínda -a dicir de Eliseo- a remesa de "case tres millóns de pesetas para misas que os seus fillos enviaron dende os Estados Unidos, cando morreu".

Sexa como fose, o caso é que a biografía de Arturo Selas está pedido a berros rematar a investigación, porque certamente semella estar á altura do Titanic. n

Te puede interesar