ENTROIDO

Todo un pobo entregado ao idilio de Paquita e Nicanor

Seixalbo
photo_camera O Domingo Oleiro encheu as rúas de Seixalbo (XESÚS FARIÑAS).

O Domingo Oleiro enchou as rúas da vila de ledicia e de reconciliacións

E o Entroido volveu un ano máis para animar e encher de troula as rúas de Seixalbo! Paquita e Nicanor regresaron á vila no Domingo Oleiro, como fan sempre nestas datas, e para recibilos, os veciños, festeiros eles, vestíronse case todos de época para montar unha algarabía sen precedentes. Desta volta, tocou disfrazarse de romanos e castrexos, co presidente da asociación veciñal San Breixo, Xosé Carballido, sempre disposto a dalo todo nestas datas, exercendo de César. 

A cita comezou cuns minutiños de retraso sobre as cinco da tarde. Se cadra, moitos confiaban en que os que marcharan a Maside ao ver ao equipo de fútbol chegasen a tempo. Chegaron cando puideron, e aínda que algúns perderon o pasarrúas polas estreitas e benfeitiñas canellas, xa apareceron na festa posterior na Praza Maior. 


O exército romano


 Un exército do César Carballido, por certo, no que a idade non supón cancela ningunha. De feito, os nenos romanos eran unha manchea deles, o que demostra que a saúde veciñal de Seixalbo brilla con máis forza aínda grazas a esa xuventude participativa e disposta a recoller o temón dos que levan anos teimando en poñer Seixalbo no mapa.

Contra ás cinco da tarde, na praza do Cabildo circulaban curiosos e veciños. Todos preguntaban por Paquita e Nicanor, esa parella de mecos, que ano tras ano chegan encerellados e acaban por implicar a todos na súa reconciliación. 
Desta volta non veu con eles o Vicentiño, o fillo. "E logo o onde o deixastes?", preguntaba un veciño que semellaba ata enrabeado. "Está no internado, non vén ata o venres, que lle dan as vacacións", aclaráballe outra, para que quedase tranquilo. "No Entroido vai estar, que non cunda o pánico". 

Dicían as malas linguas, ou iso parecía escoitarse este domingo, que seica o Vicentiño ía participar cos nenos do colexio nun desfile pola cidade cando volte do internado, así que o regreso, aínda que tardío, será ben recompensado, que así tamén o coñecen alén das fronteiras da vila. Os de Seixalbo son moi seus, pero tamén son dados a darse coñecer. 

Se non que llo digan a outra dos máis buscadas este domingo. Era Penélope, "ou Pene para os amigos", que seica levan tempo sen deixarse ver por alí.Foi a preogoeira, e a algúns seica se lles daba un aire ao famoso árbitro aquel criado nesa terra de "pementos", Jorge Gómez Barril.
Algún mesmo se confundiu de certo con el e ll cantou as corenta por arbitraxes pasadas ou ata por regueifas políticas ou algunha que outra falcatruada. Seica ela desmentiuno todo: "Eu son Pene, que así me chaman na intimidade". 


Os tacóns "trampa"


No pasarrúas, disque escarallou os dous tacóns , e acabou con zapatillas de estas de andar pola casa. "O Gómez Barril non había ser, ho", comentaba un, "que se non non viña con esas plataformas, que coas pedras que hai por aquí, hai que telos ben grandes".  A cousa é que a pregoeiro –ou pregoeira, porque alí quedaron todos estupefactos– chegou a tempo para dar o pistoletazo de saída á festa: "Ata o mércores de Cinza xa non se para". 

De agora en diante, queda desfrutar. A Paquita e o Nicanor xa están na casa, seica xa a ben entre eles, e a Penélope colleulle gusto á falda e aos tacóns –levaba 15 anos sen sacala a relucir e igual xa non a quita ata a Coresma . 
 A cousa é que Paquita e Nicanor chegaron ao escenario da Praza Maior encerellados, pero acabaron fundidos nun bico. Iso si, logo de escoitar as falcatruadas extramatrimoniais que, por certo, ben se ocuparon os "señores" e "señoras" de lembrarlles. Agora, que siga a troula! 

Te puede interesar