MEJORAS

Toén renova a iluminación de catro zonas do concello

Instalará luminarias LED, nun proxecto que ascende a 100.000 euros

O Concello de Toén acometerá unha renovación do alumeado, nunha obra que ascenderá a 100.000 euros de custe e que se poderá realizar grazas á obtención dunha subvención do Instituto do Aforro Enerxético (Idae), que cubre o 85% do total. Renovarase a luminaria para a mellora da eficiencia enerxética de varias zonas do concello, dentro do programa que se vén desenvolvendo nos últimos anos. 

Con este proxecto, o Concello podería aforrar máis de 5.000 euros ao ano en electricidade nas catro ubicacións nas que se actuará, dacordo ás precisións iniciais, pasando dos actuais 7.660 a 2.660 euros. Tamén se prevé un aforro en termos enerxéticos de 36.000 kilovatios por ano. 

Actualmente, as instalacións están nun "aceptable estado", segundo se indica no proxecto técnico, pero contan con "luminarias en mal estado e lámparas de vapor de mercurio, e cadros en mal estado". Xa que logo, son instalacións "enerxeticamente ineficientes".

Poñeranse elementos de tecnoloxía moderna, empregando luminaria LED, para así poder acometer unha importante redución no gasto para as arcas municipais. O alumeado viario e o ornamental terá tecnoloxía LED, co que se dará cumprimento á normativa vixente sobre alumeado exterior.

O orzamento das actuacións, que veñen de ser licitadas, ascende a 99.223 euros, dos cales o Idae aporta 85.000 euros. Unha vez sexa adxudicada a obra, deberá estar lista antes dun ano.

As vías nas que se actuará unha vez se adxudique a obra serán tres camiños rurais e un paseo peonil. As zonas nas que se ubican son a vía emtre A Corredoira e O Santo;outra en Alongos, a OU-402 ao seu paso por ese mesmo núcleo, e o vial desde Puga a Aldea de Arriba. 

Te puede interesar