Juan Enrique Miguéns, Director do Festival Pórtico do Paraíso

'Traemos actuacións que non adoitan vir a Galicia para acadar a excepcionalidade'

Juan Enrique Miguéns, na imagen. (Foto: Miguel Ángel.)
Despois da última edición do festival de música clásica 'Pórtico do Paraíso', o seu director, Juan Enrique Miguéns, repasa os cinco anos de traxectoria da cita ourensá, mostrándose satisfeito co traballo realizado.
Que sensación lle deixou esta quinta edición do “Pórtico do Paraíso'?
A valoración é moi positiva, tanto pola calidade artística dos concertos como pola acollida do público. Ademais, este ano, por primeira vez, contamos cun músico ourensán, aínda que vive en Mallorca, o pianista José Manuel Álvarez.

Os espazos de Ourense son idóneos para estas actuacións. O Teatro Principal é o lugar profesional máis doado. Os demais, como a Catedral ou as igrexas, necesitan dunha adaptación para convertise en 'salas de concertos'.

Pensa en novos escenarios?
Sacar concertos fóra da cidade é algo prematuro, se cadra a medio prazo, pero non podemos levalos fóra e deixar a cidade sen eles. Si que pensamos en achegalos a outros barrios, como fixemos nas Caldas e que funcionou moi ben.

Concibe o festival como unha actividade de carácter divulgativo?
Cada concerto comeza cunha introducción de tres ou cinco minutos que prepara aos asistentes; nese sentido si que pode ter un carácter didáctico. Está dirixido, ademais, a todos os públicos.

Barállase a posibilidade de actividades específicas para os máis cativos?
É algo que está aí, pero o festival son só cinco concertos, se un se orienta ao público infantil, o programa quedaría colgando. Pero si que lle estamos dando voltas e gustaríanos facelo. A ver se en 2013 conseguimos chegar ao sexto concerto que cada ano perseguimos.

Priorizan a calidade frente a cantidade?
Estas actividades deben singularizarse. Traemos actuacións que non adoitan vir a Galicia, e moitas veces tampouco a España, para acadar a excepcionalidade.

Canto tempo e recursos se destinan á organización?
A liña artística necesita ano e medio. A materialización realizase nos seis meses previos ao festival. No deseño participamos tres persoas; despois, na execución, traballan máis de 20 empresas da cidade. En orzamentos, na edición de 2012, manexamos 90.000 euros.

Que lle deu o festival á cidade?
Encheu un baleiro, a cidade merecíase un festival así, e moitas cousas máis. Ademais, o propio nome pon en valor un elemento de primeira orde da arquitectura de Ourense, como é o Pórtico do Paraíso e, por extensión, toda a Catedral, un pouco deixada polas institucións. Promocionámolo entre os artistas que acuden e, como non, entre o público.

Te puede interesar