día das letras galegas

A última placa do roteiro Casares

O Seminario Menor, no que estudou Carlos Casares durante cinco anos, homenaxea ao protagonista das Letras Galegas cunha exposición na que mostran dende cartas manuscritas
 ata as notas académicas.

O roteiro literario de Carlos Casares xa ten meta final. A última placa adicada ao escritor ourensán loce dende na tarde de onte na entrada ao Seminario Menor, onde Casares estudou durante cinco anos, e onde descubriu a súa inquedanza pola literatura. "Foron cinco anos, polo que el mesmo contaba e conta a súa familia, moi significativos para a súa traxectoria, que o marcaron tanto a nivel persoal como á súa literatura", explica Lois Babarro, director do Seminario Menor.

Nunhas semanas cargadas de actos conmemorativos con motivo das Letras Galegas, esta institución tamén quixo honrar a memoria dun dos seus alumnos máis ilustres. Ás portas do Seminario Menor déronse cita familiares, amigos e persoeiros da cultura ourensá para descubrir a última placa do roteiro Casares e homenaxear ao escritor das Letras Galegas 2017. Tomou a palabra, en primeiro lugar, o obispo Leonardo Lemos. "Neste recuncho pódese contemplar unha panorámica da nosa cidade, coas súas pontes. Tamén nós, coa lingua, temos que servir aos demáis de ponte, como nos ensinou Carlos Casares", dixo o obispo ourensán.

A subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, María Elvira Casal, quixo poñer o acento sobre o fin do roteiro no Seminario Menor. "Este lugar é moi simbólico na figura de Casares, porque a súa vida estivo sempre ligada á relixión. A vocación eclesiástica da súa familia levouno a estudar aquí", explicou.

Tamén se pronunciou a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, que o definiu coma "un sabio do seu pensamento". Pola súa parte, Gustavo Adolfo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares, valorou que o Seminario dedique un espazo no seu interior para coñecer a figura "pouco coñecida" do Casares seminarista. E é que a institución, en colaboración coa Fundación Carlos Casares, organizou ademáis unha exposición onde se recollen dende cartas manuscritas por Casares ata as súas notas académicas.

Antes de que soase o himno galego ao son da gaita, o último en intervir foi Xavier Casares, irmán do homenaxeado, que lembrou os días en que o ía visitar ao Seminario Menor. "Observabamos as vistas de Ourense, a cidade que Carlos fixo literaria", comentou.

Pechou o acto de homenaxe unha mesa redonda baixo o título de "Relixión e literatura en Carlos Casares", na que interviron antigos compañeiros e amigos do escritor, como María Camiño Noia, Andrés Torres Queiruga e Gustavo Adolfo Garrido.

Camiño Noia, que estudou na universidade con Carlos Casares no 66, compartía co escritor lecturas sobre o aperturismo da Igrexa, que comezaba a darse por aquel entón. "Lembro que era un home moi intelectual, non ía a clase, pero sempre estaba na biblioteca. Estaba nas asambleas e falaba con coñecemento de causa", recorda.

Pola súa parte, Andrés Torres tamén destacou "non só a súa memoria, senón a súa intelixencia, que era enorme. Tiña unha serenidade conquistada, de xuízo. Sempre mantivo unha postura moderada, discreta, sen entrar en extremos". 

Te puede interesar