La Región

TESTEMUÑAS DA MEMORIA

Un tratado sobre a sexualidade

Nos 70 a sexualidade estaba tan reprimida que, agora, aínda que semella que alcanzamos o cénit da liberación, de calquera liberación, nótase ás leguas que para certos asuntos aínda temos un fondo reprimido, aínda estamos nos biosbardos.

Vanessa Rodríguez e Ricardo Fandiño, os autores, acompañados por Emilio López Bastos.
Vanessa Rodríguez e Ricardo Fandiño, os autores, acompañados por Emilio López Bastos.
Un tratado sobre a sexualidade

Se nos anos 70 do século pasado me din que algún día asistiría a unha charla sobre a sexualidade ou a unha presentación dun libro sobre a sexualidade nos adolescentes, imaxino que collería a vara coa que tanguía ás vacas e faría iso, ou sexa, tanguer as vacas, ou o que é o mesmo, non facer nin caso da proposición, do comentario. O mércores, 9 de maio, ás sete e media, marchei andando desde a Finca Fierro ata case a fin da rúa Cardenal Quevedo para asistir, na libraría Eixo, á presentación do libro La lucha sexual de los adolescentes en la hipermodernidad, escrito a dúas mans polos psicólogos Ricardo Fandiño e Vanessa Rodríguez. O acto presentouno Emilio López Bastos, que é o presidente da Sociedade Galega de Sexoloxía.

Xa se sabe que o tempo pasa e todo cambia. Nos 70 a sexualidade estaba tan reprimida que, agora, aínda que semella que alcanzamos o cénit da liberación, de calquera liberación, nótase ás leguas que para certos asuntos aínda temos un fondo reprimido, aínda estamos nos biosbardos. Moita liberdade, pero como dicían os autores, á hora da verdade, alá no fondo das entrañas, cando á xente, principalmente os adultos, lles preguntaban algo, segue latexando aquel antigo sometemento, aquela antiga represión. Tamén me fixo graza o momento no que comentaron de que os pais deberían falar sen tabús cos adolescente sobre o sexo. Sobre que? Se estamos aínda máis cegos ca eles! Hoxe saben moito máis os nosos rapaces de 16 ou 18 anos que nós soubemos en toda a vida. Aquela vergonza ou aquel medo a preguntar matounos. É normal entón que esteamos cegos; pero é que os propios autores mesmo recoñecen que nin hoxe se pode falar dunha boa educación sexual porque aínda falta moita formación de profesionais. Que non vale que nos colexios, por exemplo, se fale unha ou dúas horas á semana, cando, ó mellor, quen fala non é un profesional da materia. Ata pode incluso que fale alguén deses que viviron nas súas carnes a persecución sexual.


MOI COMPLICADO


A verdade é que falar da sexualidade é moi complicado. Porque moitos adoitamos mesturar a sexualidade co sexo, co sexo explícito. E aquela vai moito máis alá que o propio acto sexual. A proba é que adoitamos falar a mares sobre sexo (para vangloriar, para presumir de que sabemos ou do valentes que somos ou da chulería), pero da nosa propia sexualidade non dicimos un chío. 

E moito máis difícil se aínda por encima o facemos negativamente. O mellor exemplo está nas mensaxes que se lle dan ós adolescentes: coidadiño coas enfermidades venéreas, ollo ós embarazos, etc.. Así é que hai que fuxir da "charla familiar", que case sempre é en plan negativo. A sexualidade é moito máis que iso.

Ricardo Fandiño e Vanessa Rodríguez escribiron un libro que aporta claridade á adolescencia e fixérono cunha linguaxe moi sinxela. Confesan que aínda que os autores son eles, o libro é un traballo coral, a causa de que tiveron que botar man de diversos asesores. A iniciativa do libro seica partiu de alguén que un día, nunhas xornadas que adoitan facer todos os anos, lles propuxo que por que non escribían un tratado sobre a sexualidade. Como din Ricardo e Vanessa: "das xornadas e dos obradoiros de sexualidade cos adolescentes e formacións cos pais, sempre aparecen cousas que aportan".

Vanessa Rodríguez Pousada naceu en Cangas en 1979 e con 18 anos veu para Ourense a estudar educación especial e, máis tarde, psicopedagoxía. Desde moi nova sempre estivo interesada por ese mundo, por esa materia, e aínda lle deu máis impulso a este interese ó coñecer a Ricardo, que sempre a animou a estudar a carreira. Fíxoo na Universitat Oberta de Catalunya. Actualmente traballa como profesora colaboradora no máster de psicopedagoxía nesa mesma Universidade. Como axiña atopou traballo relacionado co que realmente lle gusta, e máis en concreto co adolescencia, xa se quedou a vivir na nosa cidade.

 Ricardo Fandiño naceu en Vigo, pero pasou a súa infancia e xuventude en Vilagarcía de Arousa. Estudou psicoloxía en Santiago e veu para a nosa cidade no 1995 por motivos de traballo. É especialista en psicoloxía clínica e psicoterapeuta en adolescentes. Ten un máster universitario en Menores en Situación de Conflito e Risco Social pola Universidade de Vigo e outro en Educación Sexual pola de Alcalá de Henares.

 Actualmente é o presidente de ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e a Adolescencia). Comparte con Vanessa espazos profesionais e de formación desde hai 12 anos. Polo que se ve, estes si son especialistas na materia. Na materia sexual, que ten o seu aquel.