Urxen respostas a Contas sobre a xestión dos cartos no Concello de Ourense

Luis Seara
photo_camera Luis Seara

O BNG dí que o goberno local de Ourense está "baixo sospeita" e que debe haber "certezas" sobre as "irregularidades" detectadas

O BNG de Ourense rexistrou de novo onte un escrito ante o Consello de Contas no que solicita “celeridade” na resolución das dúas solicitudes previas rexistradas en setembro e novembro para aclarar as posibles ilegalidades dun goberno local “baixo sospeita”. En ambos casos púñase en coñecemento do ente  fiscalizador das administracións locais dous informes do interventor municipal e relativos a procedementos nos que se advirte de “graves irregularidades” e mesmo da comisión dalgún “ilícito penal”, para coñecer se é así e se corresponde dar traslado á autoridade xudicial competente.

Esta solicitude de celeridade faise en base aos feitos acaecidos nos últimos días e relativos ao expediente de cese aberto ao interventor, Gonzalo Alonso, por parte do alcalde así como o aberto hai meses á tesoureira, María Belén Rodríguez Tourón. 

No escrito remitido polo voceiro nacionalista, Luis Seara, reflíctese que “chama a atención que os expedientes abertos e as continuas descualificacións públicas do actual rexedor vaian dirixidas a dous altos funcionarios encargados da xestión e fiscalización económica dun Concello que teñen manifestado nos seus informes a súa discrepancia co xeito de proceder por parte do goberno local”. Ademais, o líder do BNG resalta que “a este xeito de gobernar, con absoluto desprezo pola norma e os procedementos, nin se lle pode nin se lle debe dar carta de normalidade, xa que estamos a falar de diñeiro público”. 

Xa por último, Seara incide en que a sociedade de Ourense “ten que ter a certeza de que á fronte do goberno local hai persoas nas que se pode confiar e non un goberno baixo sospeita que goberna o Concello como se fose a súa finca particular”.

Te puede interesar