ENTREVISTA

Vázquez Barquero: "Cando escoito ó alcalde, parece que está en Marte"

Ourense 2/2/18
Pleno en el concello de Ourense
Vázquez Barquero
Fotos Martiño Pinal
photo_camera O voceiro do PSOE, José Ángel Vázquez Barquero.

Tras o debate sobre o estado da cidade, o voceiro socialista acudiu onte a Telemiño para valorar a situación política  no Concello de Ourense.

Que valoración fai dese pleno?

Foi un debate desigual, o alcalde non tivo limitación de tempo para vender esa cidade idílica á que nos ten acostumados, cando o escoito teño a sensación de que está en Marte. Os demais, en dúas intervencións tivemos que facer un resumen do desgoberno do PP, tendo outro elemento en contra, a posición do voceiro de DO. Por un lado, é crítico co goberno de Jesús Vázquez pero despois nos temas substantivos apoia a este goberno e non se corta ó facer 
unha crítica sistemática ó resto da oposición. Fai máis oposición á oposición que ó propio goberno. 

Fala da non xestión do alcalde e el responde co boicot permanente ó que se sinte sometido.

Falo tamén de mentiras sistemáticas, de traizón á cidade, de complicidade con certos intereses particulares, sobre todo intereses de promotores urbanísticos. Son os elementos máis importantes a partires dos que cuestionamos e valoramos negativamente a este goberno. O principal é tema urbanístico, onde se ven esas claras complicidades que veñen xa de atrás, da época de Manuel Cabezas. Recentemente houbo un auto da xuíza do xulgado número 1 da cidade onde cuestiona todo o procedemento seguido por Manuel Cabezas para perdoar o 10% dos aproveitamentos urbanísticos que 15 promotores dende o ano 1999 ata 2003 tiñan que ceder ó Concello de Ourense. Iso supuxo unha perda patrimonial para todos os cidadáns de máis de 1.600.000 euros, e eu no pleno pedinlle ó alcalde que dera o nome deses promotores urbanísticos e tamén lle preguntei si de continuar adiante este procedemento aberto pola xuíza o Concello, debido a perda patrimonial, ía persoarse en contra de Manuel Cabezas. .

Houbo resposta?

A resposta foi a calada. nin deron os datos dos promotores nin dixo nada de persoarse. Pero hai moito máis, a ordenación provisional caeu hai uns anos no xulgados e aí había tamén 15 promotores involucrados, ós que o goberno de Alberto Núñez introduciu nese ordenamento sen ningún criterio. Tamén poderíamos falar do PXOM de 2003, aprobado en época de Manuel Cabezas, que foi anulado con nove sentenzas en contra, unha delas por pegar un cambiazo nos planos que se ían aprobar no salón de plenos, co coñecemento e o consentimento do actual presidente da Xunta, e que  a propia Xunta sancionou porque foi quen aprobou definitivamente ese plan. 

Pero a falta dun plan de urbanismo ten paralizada a cidade. E non parece que se vaia aprobar un novo.

O goberno bipartito do PSOE e o BNG fixemos un traballo importante para que esta cidade tivera un novo planeamento. Aprobouse inicialmente e chegou no 2015 o PP ó goberno e o primeiro que fixo o actual concelleiro de Urbanismo foi impoñer 11 directrices sen pasar polo pleno, que implicaban un cambio substantivo no plan e unha delas era nos sistemas de xestión, unha cuestión básica no momento de desenvolver un novo planeamento. Non é o mesmo que o liderado o leve o Concello ou que o leven os promotores privados. Na nosa proposta era o Concello quen lideraba, na proposta imposta polo señor Cudeiro son os promotores. Supoño que serán eses mesmos ós que o PP sistematicamente está beneficiando. 

A futura estación intermodal é á única razón pola que o PSOE non apoiará o novo PXOM? Esas outras modificacións son negociables pero a estación non?

Se suprimen algunha desas directrices podemos chegar a un acordo, pero o tema da estación intermodal é un tema básico. O cambio na estación implica temas graves para a cidade, racha con toda a filosofía do novo PXOM.

Pero a estación de autobuses quédalle moi pouquiño para ser unha realidade.

Non ten porque ser unha realidade ese proxecto. É o elemento fundamental para que poidamos sentarnos a falar do novo PXOM. O primeiro que temos que facer é voltar ás vellas directrices do 2013 que evidentemente estamos dispostos a discutir e, por suposto voltar ó proxecto orixinal de estación intermodal para a nosa cidade.

Iso parece practicamente imposible. 

É imposible porque o PP non dialoga, quere impoñer os seus criterios. O alcalde pode dar marcha atrás en calquera momento pero é difícil que o faga porque en realidade Jesús Vázquez Abad está aquí como paracaidista enviado por Núñez Feijóo en 2015. Nós non nos imos plegar ante esta situación de feitos consumados que máis recorda ó despotismo do século XVIII que á realidade que ten que prevalecer nos tempos nos que estamos.

Está claro que é moi difícil que se senten a falar e que haxa acordo nin no tema do PXOM nin nos orzamentos. 

Cando o PP esté disposto a defender os intereses da cidade e dos cidadáns, nós falaremos do que queiran e por suposto, nesa lóxica, chegaríamos a acordos. O que non aceptamos son imposicións que van en contra do que a cidade necesita. 

Te puede interesar