Un veciño foi detido cun coitelo polas rúas, no Carballiño

Unha patrulla da Policía Local localizou e detivo, na noite do pasado martes, a un veciño do Carballiño que portaba un coitelo e se atopaba en estado ebrio. Os axentes desprazáronse, ás 22.55 horas, ó barrio de San Benito, situado perto do campo de fútbol de Espiñedo, na parroquia carballiñesa de Mesego, tras recibir unha chamada anónima na que se alertaba da presencia dunha persoa en actitude sospeitosa e que levaba un coitelo de cociña na man.
Unha vez no lugar, sorprenderon ó individuo, que quixo desprenderse do coitelo tirándoo ó chan. Os axentes déronlle o alto, recolleron a arma branca e identificárono como C.V.D., de 67 anos e veciño do Carballiño. Tras comprobar que presentaba síntomas de ebriedade, foi sometido a unha proba de alcoholemia, que resultou positiva. A continuación, os policías locais leron a C.V.D. os seus dereitos e procederon á súa detención, por un presunto delito de porte de arma branca e ameazas. Neste sentido, a impresión dos axentes foi que, según a actitude do detido, iste semellaba estar á espera de alguén para agredirlle co coitelo, tal e como relataron.


EN LIBERDADE

A patrulla da Policía Local deu traslado a C.V.D. ata o cuartel da Garda Civil do Carballiño, onde prestou declaración para na mañá de onte ser posto á disposición do Xulgado de Instrucción e Primeira Instancia da vila do Arenteiro, que se encarga das dilixencias do caso. Alí compareceu cunha avogada, e o xuíz titular determinou a posta en liberdade do detido, pero coa obriga de presentarse no Pazo de Xustiza cando sexa requerido de xeito oficial a fin de proseguir o proceso xudicial aberto.

Te puede interesar