O Museo Provincial de Lugo acolle ata o 20 de maio unha exposición antolóxica que percorre a figura do mestre ourensán (1896-1988), que cheogu a ser conselleiro do Partido Galeguista pola zona de Lugo.

A vida de Ben-Cho-Shey é digna de exposición

Asistentes á inauguración da exposición o pasado día 14 deste mesmo mes. (Foto: FOTOS: DEPUTACIÓN DE LUGO)
Naceu en Ourense en 1896 como Xosé Ramón Fernández-Oxea. Pero foi o alcume adoptado durante a guerra de Marrocos o que o converteu nun dos galegos máis prolíficos e polifacéticos do século XX. Tiña 26 anos cando fixo dunha popular frase galega o nome que o guiou pola eternidade e que tomou para asinar as crónicas enviadas dende a fronte bélica. Ben-Cho-Shey foi, por riba de todo, mestre, pero o da historia, a xeografía ou a etnografía eran eidos nos que traballou arreo ata o seu falecemento en 1988.
A vida do ourensán chegou á fin en Madrid, aínda que 'todo o conxunto da súa obra é unha oda a Galicia'. Son as palabras de Xosé Ramiro Cuba, comisario da exposición 'Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968)', que estes días acolle o Museo Provincial de Lugo. Trátase dun proxecto da área de Cultura da Deputación luguesa dentro do ano adicado ó galeguista e que se celebra cando se cumpren 75 anos do seu desterro a Extremadura.

Aínda que tendo nacido aquí, a provincia veciña quixo renderlle homenaxe á actividade política alí desenvolvida e coa que axudou a 'dinamizar o pequeno grupo do Partido Galeguista, que aumentou coa súa chegada e do que foi conselleiro por esta zona', explica Xosé Ramiro Cuba.

Para documentarse, un equipo de traballo da Deputación de Lugo visitou a institución ourensá, onde atoparon un diarios escrito na súa estadía luguesa. 'Era un documento que non se coñecía e recolle, ademais das súas vivencias, feitos como a represión da Guerra Civil'. Polo inédito deste diario, constitúe unha das pezas centrais da exposición, que se completa con material fotobiográfico, imaxes e escritos sobre a actividade do Partido Galeguista ou documentos da campaña a prol do estatuto galego do 36. Para realizar este percorrido, os responsables da mostra válense de cartas ou manuscritos. Conta Xosé Ramiro Cuba que, 'como curiosidade, temos un arquivo que estivo agochado nun faiado ata os anos 80 con carnés do partido que nunca se chegaron a entregar'.

Para el, a organización dunha gran exposición era unha especie de débeda coa figura de Ben-Cho-Shey, unha persoa 'galeguista dende que tivo uso de razón'. O comisario defende que 'foi esquecido en Galicia e non recibiu a atención que merece', unha eiva que o Museo Provincial de Lugo cobre agora e ata o día 20 de maio.

Te puede interesar