Entroido

O mapa do entroido ourensán, nun vídeo de Carlos Ares

O autor de "Festividades de inverno na provincia de Ourense" publicou un vídeo no que amosa 320 figuras do Entroido de Ourense

Carlos Ares, autor do libro "Festividades de inverno na provincia de Ourense", publicou nas últimas horas un vídeo no que amosa 320 figuras do entroido ourensán e que serve para mostrar a "riqueza patrimonial" desta celebración na provincia. En pouco máis de nove minutos explica cal é cada figura e a poboación da que procede. Para isto, Ares tivo que dedicar moita parte do seu tempo libre, tanto para sacar as imaxes dos diferentes personaxes ou buscar as fotografías para logo recortalas e incluílas no vídeo. 

Ares explica que para complementar a obra escrita sobre o Entroido da provincia era unha boa idea "poñerlle cara". Para poder facelo, percorreu os entroidos ourensáns durante tres anos "para ir facendo fotografías" e ademais cedéronlle imaxes e buscou outras para facer o vídeo o máis completo posible. "Algún deles xa non existe pero co traballo de campo que fixen puden crealos en Photoshop", afirma. 

"Se o xuntamos todo levoume dous-tres meses facer o vídeo", explica sobre o traballo que levou facer os nove minutos de vídeo, que servirá para "que a xente coñeza visualmente" as figuras do entroido da provincia. "Se alguén ten pensado este ano visitar algún entroido con este vídeo pode saber o que se vai atopar", engade Ares, sobre os nove minutos de imaxes que axudarán aos ourensáns e aos visitantes destos días nas diferentes vilas e con a identificar mellor cada unha das persoaxes: "Que a xente lle sepa poñer nome ao que vai a ver". 

O autor do vídeo tamén sinala que serve para poñer en imaxes "a grandeza e riqueza patrimonial que ten o Entroido de Ourense". Para Ares, a provincia "é a capital mundial das representacións do Entroido", con máis de 320 figuras diferentes. Explica que hai máis das que se poden ver nesta peza audiovisual. 

Te puede interesar