Vilamarín, un "exemplo" na loita medioambiental

A conselleira e o alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez (no centro da imaxe), reuníronse no Concello.
photo_camera A conselleira e o alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez (no centro da imaxe), reuníronse no Concello.
É o primeiro concello galego en asumir os obxectivos climáticos europeos 

Vilamarín é o primeiro municipio de Galicia e o sétimo de España que asumiu os novos obxectivos da Unión Europea en materia climática, entre eles o de conseguir a neutralidade de emisións no ano 2050. Por iso, tras a súa participación na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP26) en Glasgow, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou este concello ourensán, un “exemplo” -segundo a Xunta- para os outros 312 municipios galegos.

Durante o seu paso por Vilamarín, a conselleira reuniuse co seu alcalde, Amador Vázquez, e destacou ás administracións locais como indispensables na loita contra o cambio climático por ser as “máis próximas” ao territorio. Neste contexto, Ángeles Vázquez felicitou ao Concello por converterse en “pioneiro” e por iniciar a súa propia estratexia “para facer de Vilamarín un municipio máis limpo, sostible e verde”.

Segundo a Xunta, as medidas adoptadas polo goberno local van dende reducir os consumos de enerxía das instalacións municipais grazas ao cambio de iluminación tradicional por  led, ata o uso de pellets para a calefacción e a instalación de placas solares en edificios públicos. A conselleira animou ao alcalde a manter este esforzo e este indicoulle que continuará con novos proxectos, nos que tentará implicar aos veciños e ao tecido empresarial. Á súa vez, o alcalde trasladou á conselleira que as próximas accións do Concello pasarán por instalar puntos de recarga para vehículos eléctricos, substituír o parque móbil municipal por estes modelos e mellorar o illamento térmico das vivendas.

Vázquez asegurou que estas iniciativas terán sen dúbida un efecto positivo na senda pola que avanza Galicia, que lle permitiu reducir as emisión efecto invernadoiro nun 23,8%, 32 puntos por debaixo da media estatal.

Así mesmo, Ángeles Vázquez aproveitou para facer entrega ao Concello da memoria de entendemento “Under2” ratificado pola Xunta na COP26. De acordo con este documento, Galicia comprométese a contribuír para que ao final deste século o aumento da temperatura media global estea por baixo dos 2 graos, pero co obxectivo de que non supere os 1,5 graos.

Te puede interesar