UNIVERSIDAD

A violencia sexual centra un ciclo de conferencias a partir de hoxe no Campus de Ourense

OURENSE 14/02/2023.- Vistas del Campus; reportaje ampliación Campus. José Paz
photo_camera OURENSE 14/02/2023.- Vistas del Campus; reportaje ampliación Campus. José Paz
Esta actividade abordará asuntos coma o seu impacto na adolescencia ou os instrumentos para a súa avaliación

Un ciclo de conferencias abordará a violencia sexual e de xénero na Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense. Esta serie de relatorios comezará hoxe, con máis citas programadas para os días 30 de abril e 2 de maio. Trataranse temas como o impacto deste fenómeno na adolescencia ou os instrumentos para a súa avaliación, segundo trasladaron dende a Universidade de Vigo.

Máis en concreto, as conferencias estarán centradas na violencia sexual e a educación sexual na adolescencia, así como “o impacto do modelado dos patróns sexuais con violencia no procesamento da información”. Isto analízase dende unha perspectiva de xénero e da sociedade contemporánea. Por outra banda, falarase do deseño de instrumentos para avaliar actitudes cara a violencia de xénero e de sexualidade, a ética e o coidado propio.

As conferencias serán dirixidas pola profesora María José Vázquez Figueiredo, quen tamén participa no grupo de investigación Psicoloxía Xurídica e da Saúde: Convivencia e Benestar. O público ao que se dirixen é o alumnado universitario, en especial o dos graos de Traballo Social e de Educación Infantil. Con todo, tamén están destinadas a profesionais e a cidadanía en xeral, tal e como matizaron fontes universitarias.

O programa do ciclo de conferencias inclúe cinco intervencións que estarán a cargo do profesorado da facultade e de membros da Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia en Ourense (Aseia). Ademais de Figueirido, figuran como relatores Ricardo Fandiño, Vanessa Rodríguez, Katia Rolán e Abraham Rubín. O ciclo conta co apoio da Cátedra Unesco Transformative Education: Sciencie, Communication and Society, así como o da propia Aseia.

Te puede interesar