Xan Silvar: "Na actualidade non é fácil mobilizarse, pero non hai que ser derrotistas"

Xan Silvar, un dos cofundadores da SGHN.
photo_camera Xan Silvar, un dos cofundadores da SGHN.

Xan Silvar é cofundador e socio da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)

Hai 50 anos, Santiago de Compostela acolleu o nacemento do Grupo Ornitolóxico Galego (GOG) que máis tarde pasaría a chamarse Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Os fundadores, un grupo de estudantes de Bioloxía, compartían o interese polo patrimonio natural galego, así como a convicción de que era preciso estudialo, dalo a coñecer e sobre todo, protexelo. “Había moito traballo por facer”, asegura Xan Silvar, un dos promotores da entidade. Medio século despois de poñerse en marcha, a SGHN conta con delegacións por toda Galicia, centos de socios, unha larga lista de accións de custodia e protección do medio, de estudos e publicacións e incluso, un museo (o Museo de Historia Natural de Ferrol). O pasado xoves, o centenar de socios ourensáns festexou o 50 aniversario, unha ocasión para recordar o pasado e manter a ilusión no futuro. 

Que os levou a fundar o GOG en 1973?

Realmente, visto así coa distancia, non sabría dicirche que foi. Probablemente decatarse da realidade na que viviamos. Coincidimos estudando Bioloxía en Santiago nuns anos bastante complicados, Franco aínda vivía. Era unha facultade que estaba arrancando, o que sumado á situación sociopolítica, ás numerosas folgas, paros e ocupacións de facultades, nos levou a buscarnos a vida. E iso levounos a axudarnos entre nós, a empezar a falar de paxaros, de medio ambiente. Dende o inicio empezamos a reunirnos en cafeterías en tempos nos que era difícil, de feito dun bar botáronnos porque o xefe tiña medo de que fósemos dalgún partido político clandestino. Todos tiñamos esa convicción de que había que organizarse para intentar facer algo. Presentamos os estatutos e, sorprendentemente, aprobáronnolos.

 Que recorda daquel primeiro ano?

Fomos quen de convencer á antiga Caja de Ahorros Monte de Piedad para que nos dese 25.000 pesetas para alugar un autobús e ir ata o Caurel facer unha expedición iniciática. Daquela, chegar ao Caurel tiña o seu aquel, houbo que ir por unha estrada sen asfaltar vía Quiroga, toda unha aventura. Ao chegar, despois de poñer as tendas, tivemos que pasar polo cuartel da Guardia Civil, aínda era época de fuxidos, así que nos tomaron a filiación, como se lle chamaba, para ver que quería esa tropa de Santiago que ía merodear polas montañas. 

Que iniciativas defendeu o grupo naqueles inicios?

Un montón. Dende pedir a protección das Illas Cíes, posicionarnos sobre un montón de problemas ambientais… Sobre Galicia planeaban unha serie de proxectos nos que era preciso posicionarse. Algúns culminaron, como a explotación térmica das Pontes, pero outros deriváronse, como o súper porto que se ía instalar na ría de Arousa, e que rematou facéndose en Bilbao. 

Había naquel entón algunha outra voz de protección do territorio?

Estaban Domingo Quiroga, experto en pesca, e o profesor Bermejo. Non eran cativos coma nós, tiñan prestixio profesional, tiñan algo que perder nun momento no que pronunciarse non era doado. Eles falaron e protagonizaron actos alertando dos riscos de certos temas como os que nomeei, ou como a central nuclear que se quería poñer en Xove que ía alimentar algo que si se fixo, a produtora de aluminio de San Cibrao (Alcoa). Instalouse aquí porque, ao meu modo de ver, eramos tercermundistas, aceptábase todo. De feito, non houbo central nuclear, pero si térmica, a de Endesa nas Pontes.  Agora sería imposible, coa lexislación actual, que Alcoa fixese a ocupación do territorio que fixo, pero dá unha imaxe de como estaba o país. 

Faltaba coñecemento?

Si, claro. Desgraciadamente non había unha estrutura académica coma a de agora. Por iso nos nosos estatutos reflectimos esa necesidade de coñecer. E a iniciativa desa ducia de cativos penso que serviu de algo, algo moi modesto seguramente, pero sen nós e os que viñeron detrás, outras moitas asociacións, sen as accións que fixemos, a desfeita tería sido moitísimo maior. Fixemos atlas de Galicia, censos de aves, documentamos o valor ambiental de moitas zonas que logo permitiron xustificar declaracións de zonas protexidas.

 Mantense vivo o espírito de 1973 na SGHN actual?

Eu penso que si, inténtase preservar na medida do posible, é un pouco a loita de Quixote contra os grandes muíños. Os estatutos seguen basados no mesmo trípode: coñecer, divulgar e defender. Tiñamos claro que non iamos meternos nun activismo que daquela nin se chamaba ecoloxismo, era ambientalismo, sen que os pasos estiveran minimamente argumentados. Algunha vez reprochóusenos esa prudencia á hora de apuntarnos ou non a determinadas campañas, pero sempre preferimos que o que se dixese tivese o mellor apoio posible no coñecemento da época. Intentamos facer o que é posible no contexto actual, no que é difícil a mobilización persoal, polo menos facela substanciar sen apoios tanxibles. É doado caer no derrotismo, pero hai que intentar superalo porque no pasado foinos resultando, houbo moitos fracasos, pero tamén non poucos logros. 

Hai relevo xeracional?

É un tema complicado. Eu hai 50 anos tiña 20, e o pasado xullo fixen 70. Ao xubilarme retomei o traballo na delegación de Ferrol, que leva implícito parte da xestión do Museo… É un reto conseguir persoas polas circunstancias sociolaborais e económicas do país, hai moita xente nova e cualificada socia da entidade, pero que reside fóra de Galicia. Eu dende logo espero conseguilo porque tamén me gustaría xubilarme da primeira liña, aínda que siga facendo cousas. Fai falta xente nova, iso é frescura, fortaleza e capacidade de traballo. Gustaríame facer un chamado á xente, a que vive e a que non vive aquí. Se nós puidemos facer algo naquel momento, agora tamén se pode. Non sei se é iluso facelo, pero iluso ten a mesma raíz que ilusión. Todolas asociacións son caducas, por iso hai que ilusionar aos novos, para que non morran. 

A resposta das administracións cambiou, hai máis diálogo?

Se falamos da administración autonómica, o tema é sangrante. Non soamente parece que non estean interesados en mellorar, é que parece que están interesados en torpedear, en dificultar, incluso iniciativas ridiculamente simples de solucionar. Por exemplo, hai unha planta, a camariña, que da nome á vila da Costa da Morte, cuxa distribución mundial remata en Pantín, en Valdoviño. Haina só en Galicia, na costa de Portugal e na costa de Andalucía. En Andalucía e Portugal está protexida, aquí non. Fixemos unha proposta á Xunta para que a incluise no catálogo, pero os representantes do Observatorio de Medio Ambiente votaron en contra. Non hai ningunha dificultade de declarase planta protexida, pero decidiron que non. Nas administracións locais atopamos de todo, algunhas colaboran, outras non.

Te puede interesar