ENTREVISTA

"Carlos Casares era unha persoa entrañable, sempre se paraba a escoitar"

local12-archive-2016-10-13-fn_1037s
photo_camera Xavier Casares

Xavier Casares está a vivir estes días, previos ao das Letras Galegas, con "moita intensidade". O pequeno dos irmáns Casares Mouriño conversa con este xornal sobre a figura de seu irmán

Xavier Casares está a vivir estes días, previos ao das Letras Galegas, con "moita intensidade". O pequeno dos irmáns Casares Mouriño conversa con este xornal sobre a figura de seu irmán Carlos Casares e sobre a situación da Real Academia Galega, en particular, e sobre a actividade cultural da cidade, en xeral.

De pediatra a persoeiro activo da cultura ourensá. Cómo viviu esa transición?

Para min foi positivo. Unha vez que tiven que xubilarme, involucrarme na actividade cultural da cidade veume moi ben porque persoalmente ocúpame tempo, e así tamén realizo unha actividade relacionada con algo que me gusta moito, como é a cultura.

Como ve o panorama cultural da cidade?

Ourense sempre foi unha cidade cunha actividade cultural moi intensa en tódolos niveis, tanto musical, de conferencias, como a nivel audiovisual, por exemplo. É dicir, Ourense é unha cidade con moita riqueza cultural. O que si boto en falta, dada a cantidade de actos culturais que se celebran a diario, é que alguén se encargue de facer unha determinada coordinación para que uns actos non se pisen con outros. Non é tarefa doada, pero si necesaria.

Que papel xogan as entidades culturais na súa promoción?

Pois un papel moi importante. Ocórreseme mencionar o Ateneo, que é unha mágoa que teña dificultades para a súa supervivencia porque esta entidade xogou un papel moi relevante durante a transición española. E hai sociedades en Ourense que sempre contaron cunha alta actividade cultural. Por iso, insisto, non estaría mal que se realizase unha coordinación, para que a programación puidese chegar a un maior número de cidadáns.

A colación do Ateneo, a Xunta de Galicia acaba de prometer que o dotará dunha sede antes de que acabe o ano…

Eu alegraríame profundamente de que puidese sobrevivir o Ateneo coa súa actividade cultural.

Necesitan as entidades locais das institucións públicas para sobrevivir?

O ideal sería que as entidades tivesen unha autonomía financieira para poder desenvolver as súas labores, pero isto é algo difícil. Ás veces é precisa a participación de apoios institucionais para poder levar adiante a súa programación cultural.

Neste sentido, goza de saúde o Liceo que preside?

Si. De saúde está francamente ben. Neste momento conta con máis de 700 socios e permite manter unha actividade cultural intensa durante todo o ano. No 2016, tivemos máis de 300 actos culturais, que é unha barbaridade para unha sociedade coma esta. O Liceo é un punto de encontro na cidade, asentada nun edificio emblemático e fundada en 1850, co cal ten unha traxectoria dilatada, sempre moi ligada á vida cultural e social de Ourense.

En canto á Real Academia Galega (RAG), cre que se arranxará o debate sobre a representación ourensá coa entrada de Víctor Freixanes?

Freixanes é unha persoa que coñece perfectamente a Real Academia e a realidade da cultura galega, e supoño que tomará as medidas máis axeitadas para que exista representación na cuestión cultural de toda Galicia. Non teño nin a máis mínima dúbida.

Por que é importante que Ourense estea presente na Academia?

Pola súa traxectoria cultural. Ourense é unha provincia que sempre tivo unha relevancia importante no tocante á vida cultural. Aquí naceu a Xeración Nós, e de aquí saíron persoeiros de grande calado na cultura do país, como foron Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo ou Blanco Amor. Polo tanto, neste sentido, a importancia de Ourense en Galicia é evidente.

Este ano, as Letras Galegas dedícanse ao seu irmán Carlos Casares. Está a cultura a premiar o seu labor?

Para nós é unha satisfacción que se dedicara o Día das Letras Galegas a Carlos, porque dalgunha forma é poñer en valor a súa traxectoria literaria e a súa participación na vida cultural deste país. Carlos ten unha obra literaria realmente importante, unha obra periodística tamén salientable e, polo tanto, que a Academia Galega considerase dedicar o 2017 para a figura de meu irmán é realmente satisfactorio. Énchenos de orgullo tanto á familia, como á Fundación que leva o seu nome.

Como era o Carlos Casares irmán, no seo familiar?

Era unha persoa moi entrañable, parábase a escoitar, e sempre contaba anécdotas. Tamén era moi cariñoso, ¡que vou dicir eu dun irmán! Son pouco obxectivo, pero era unha persoa realmente extraordinaria.

Que recorda especialmente del?

Estabamos moi unidos, eramos confidentes das nosas vidas. As anécdotas que el tiña trataba de literaturalizalas. Lémbrome dunha viaxe que fixemos por Europa, e antes de chegar a París tivemos que parar a comer. Pedimos queixo e trouxéronnos unha cestiña cunha variedade deles. Empezamos a comer neles, e acabamos con toda a mostra. Cando veu o camareiro preguntounos: "Xa non van a querer queixo despois, non?". Dixémoslle que non e exclamou: ¡Normal, comeronse o mostrario! (risas).

Cando comezou a relación de Carlos Casares coa literatura?

De pequeno lía moitos cómics, coma todos os nenos. Foi no seminario cando comezou con lecturas máis serias, que entrou en contacto coa literatura grecolatina.

Seu irmán falaba de que debería haber un “Nobel galego”, de obra galega…

Creo que hai escritores en galego que puideron optar perfectamente a ser premio Nobel. En concreto, venme á cabeza Álvaro Cunqueiro, pola calidade da súa obra literaria.

Que significaba Ourense para el?

Foi a cidade na que naceu, na que viviu periodicamente, e que lle serviu de inspiración para moitas das súas novelas. "Ilustrísima", "Deus sentado nun sillón azul" ou "O sol do verán", por exemplo, teñen referencias ourensás. 

Te puede interesar