O voceiro nacional do BNG defende a ruptura co modelo especulativo e a volta a outro que apoie ó tecido produtivo

Xavier Vence: 'Tódolos países que están medrando teñen banca pública'

Xosé Lois González (O Carrabouxo) presentou ó economista e voceiro nacional do BNG, Xavier Vence.  (Foto: XESÚS FARIÑAS)
A necesidade de romper co actual modelo de banca especulativa e dar o paso cara un novo no que prime a atención ó sistema produtivo foi o eixo da intervención que ofreceu onte o economista Xavier Vence, voceiro nacional do BNG dende o pasado mes de marzo, no marco do Foro La Región.
'Estamos nunha situación tremendamente delicada', indicou Vence, non só polo feito de que moitas familias se estean vendo privadas das cuestións máis básicas como o alimento e a vivenda, senón tamén pola errada política que, ó seu xuizo, se está adoptando. 'As institucións que temos por riba toman dedisións que parece que están fóra da realidade', apuntou, xa que se está insistindo en 'políticas que nos arrastran a un colapso económico e á destrución do tecido produtivo'. Segundo defendeu o ponente, 'a política que se implementa ten como único obxectivo bombear recursos da economía productiva para rescatar a un sistema financeiro que quebrou no seu modelo de negocio especulativo'.

Ante esta situación, o voceiro nacional do BNG considera que non vale pór parches, xa que 'o que falla son as bases', como a liberalización total dos fluxos de capital e do comercio, cuestións que se deben reconsiderar.

'Para romper co modelo da banca especulativa, hai que dar o paso á banca pública', defendeu, argumentando que este instrumento contribuiría ó desenvolvemento da economía produtiva do país. 'Non está pensada para dar grandes beneficios, senón para prestar un servicio á economía productiva e á administración pública en boas condicións', engadiu. De feito, Vence explicou que 'tódolos países que están medrando economicamente teñen banca pública', citando os casos de China, India ou Brasil. 'Pero non só os BRIC, tamén Alemaña ten unha rede de banca pública fabulosa', e incluso existen entidades bancarias a nivel municipal. Unha idea que, segundo indicou Vence xa no turno de preguntas do público, están analizando para ver se sería posible implantala aquí.

Neste senso, e para pór en marcha o proxecto que defende o partido, Vence asgurou -tamén a preguntas dos asistentes- que o seu obxectivo á fronte do BNG é 'chegar a unha maioría da sociedade que cremos que existe, e unha forma de facelo é sumar forzas'.

A intervención de Xavier Vence foi presentada por Xosé Lois González 'O Carrabouxo', quen destacou do ponente que 'é un home que busca camiños de confluencia nas correntes nacionalistas'.

Te puede interesar