Mari Carmen Seara, Premio como mellor tendeira na Praza de Abastos

'A xente nova é cómoda e non adoita mercar na Praza de Abastos'

Mari Carmen Seara, frutera. (Foto: LR.)
Mari Carmen Seara, a responsable do establecemento Frutas Elisa, foi escollida polos clientes da Praza de Abastos como a mellor tendeira deste ano, un galardón outorgado pola Dirección Xeral de Comercio.
Que cre que valoraron os clientes para escollela como mellor praceira?
Iso habería que preguntarllo ós clientes. O que me din é que son moi simpática e que teño moita paciencia.

E logo cómpre paciencia?
Moita, si. Eu procuro tratar a todos igual, sen facer diferencia entre os que son máis clientes ou menos. Pero claro, a clientela de sempre coñécese. Por exemplo, a persoas que veñen tódolos sábados e que sei o que queren, xa lle teño esa mercancía apartada. A xente valora un pouco o trato do pequeno comercio.

Como loitan contra as grandes superficies?
O pequeno comercio nunca vai poder competir cos supermercados, é imposible. Nós non podemos coller, por exemplo, un tráiler de mandarinas porque non as venderiamos. Eles si que poden facelo para distribuir por establecementos en diferentes localidades. Aquí compramos e vendemos ó día. A mercancía é fresca.

Canto tempo leva vostede no rianxo?
O nome do posto é pola miña irmá, Elisa, que leva case 40 anos. Eu viña aquí dende nena axudarlle, xa con oito e nove anos. Fixa debo levar uns 22 anos.

A xente moi nova non está acostumada a vir mercar aquí porque se fai moi cómoda. Os que veñen rondan os 40 ou 50. Despois, a xente maior tamén vai deixando de vir porque xa non poden. Por iso, sempre imos renovando a clientela. Marchan uns pero deixan oco para outros.

Que é o mellor de ser praceira?
Sen dúbida, o aire libre. Encántame tamén falar coa xente. E mire que aquí traballamos, porque a Praza de Abastos é moi escrava. Chegamos ás seis da mañá, sacamos a mercancía, despois hai que metela outra vez. Pero a min encántame, eu son feliz. Aquí todos nos levamos moi ben.

Te puede interesar