ENTREVISTA

Xosé Neira Vilas: “A lingua perdurará na medida en que se sigan publicando libros e se ensine na escola"

neira vilas_result
photo_camera Neira Vilas, en decembro do ano pasado, no Liceo ourensán.

O patriarca das letras galegas presentou o seu derradeiro libro no Foro La Región

Xosé Neira Vilas, o patriarca das letras galegas, presenta o seu último libro "Semente galega en América" (Ed. Bolanda) hoxe no Foro La Región (20,15 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel). "Son un cento de esquemas biográficos de galegos que aportaron cousas a América", explica o autor, "aportes de tipo cultural, social, económico e mesmo militar".

Que teñen en común os protagonistas? Hai algo así como unha pegada galega en América?

Teñen en común a súa singularidade. Pero é imposible de resumir a pegada. Nin sabería dicir cal deles foi o máis importante. Fixen cen biografías, podería ter feito trescentas.

Que sinal deixaron os militares? 

Houbo máis dun cento de galegos que se incorporaron á loita armada pola independencia de Cuba. Un chegou a xeneral: Francisco Villamil. Morreu en combate.
 

Como ve hoxe Cuba?

Cuba está tratando de que EE.UU. suprima ese brutal bloqueo planetario, que é inxusto, ilegal e inmoral. Non hai perigo de involución porque aquel pobo non o permitirá. Ten un nivel cultural moi alto. Dirixín unha revista mensual para nenos que publicaba 250.000 exemplares y eran totalmente insuficientes. Ata a OMS di que os nenos cubanos son os mellor instruídos e os mellor alimentados.

Que outras achegas singulares recompilou?

Foi un aporte diverso: desde aquel da Gudiña que levou o carro de bois aos indíxenas mexicanos hai cincocentos anos, ao ferrolán que no XIX escribiu en Cuba, teatro, novela... todo na lingua dos escravos africanos. Daquela non había gravacións, polo tanto, quen investigue a fonética da fala dos escravos ten que recorrer a eses textos de Bartolomé Xosé Crespo. Está un ourensán de Avión que foi rei. Rei dunha zona de máis de catrocentos mil quilómetros na Amazonia! Era extractor de caucho e ensinou aos indios a cociñar. O rei secuestrouno e fíxoo casar coa filla e logo foi rei consorte... O primeiro automóbil feito na Arxentina fíxoo un mecánico de ferrocarrís de Vila de Cruces. Non podía comprar o coche, e dixo vouno facer eu. Estivo catro anos. Quiéreme mucho, a canción máis universal de Cuba, foi escrita por un galego, o poeta nacional de Paraguai era un médico que veu de Muxía...
 

Cando se fale da pegada americana de Neira Vilas que episodio rescatarán?

Aportei algo en América na escrita, nas letras. Traballei sobre todo por Galicia. Vivín 43 anos en América e escribín unicamente en idioma galego.

E cal é a contribución dos emigrantes a Galicia?

Hai unha simbiose cultural interesante. Na música, vese nas bandas, nos bailes, na gastronomía... Están os símbolos: o himno galego veu de Cuba, a bandeira galega ondeou por primeira vez na Habana. O aporte maior foron as 317 escolas que os emigrantes financiaron cando a finais do XIX tiñamos un 72% de analfabetismo.  Ademais arranxáronse camiños, igrexas, lavadoiros... A emigración a Europa xa non aportou tanto, eran outros tempos.
E os tempos de hoxe, corre vento independentista tamén en Galicia?
Hai uns anos preguntáronme en Bos Aires si Galicia podería ter un estado aparte. E díxenlle: dereito histórico teno, pero non lle convén.

Que autoras ou autores de hoxe lle interesan?

Todo o que escriba en galego merece a miña simpatía. Non mido a calidade. Cada un escribe de acordo co seu talento.

E teme pola supervivencia da lingua?

A lingua galega perdurará. Segue sendo unha lingua minoritaria, pero na medida en que se sigan publicando libros e se ensine na escola con maior ou menor acerto, a lingua seguirá viva. Temos dereito a pedir que se apoie máis, pouco a pouco. 
 

Te puede interesar