ENTREVISTA - ARTE

"O espectador ten que sacar a súa conclusión, non adiviñar a miña"

1op0505_result
photo_camera O artista plástico Xosé Poldrás. (ÓSCAR PINAL)

Rodeado dalgunhas das súas obras, o artista plástico Xosé Poldrás explica os pasos que se dan no proceso de gravado, a súa especialidade. Con el, falamos sobre os seus traballos máis recentes e sobre o seu camiño no mundo da arte

Como se iniciou na arte?

Estudei Belas Artes en Salamanca, aínda que o gusto pola arte levoo dende pequeno. Xa dende a carreira andiven metido en exposicións. Agora mesmo móvome máis no gravado, expoño esta modalidade dende o 99.

Agora está máis centrado no gravado, pero tamén realizou obras de pintura, escultura ou fotografía...

Sí, pero aínda que fixen esculturas non me considero un escultor. Tampouco son un gravador típico. A veces fago obras dunha soa copia, e a característica desta modalidade é a edición, pero si me considero gravador. Tamén esta técnica evolucionou moito...

Como?

Actualmente mestúrase con outras disciplinas e esa función histórica que tiña o gravado de reproducir unha obra para que fose máis asequible é algo que hoxe xa non ten sentido, coa fotografía e con internet. Entón as formas do gravado cambian, agora é algo totalmente normal facer só unha copia, só polo feito de estar elaborado con tórculo.

E como nace a idea de facer unha obra empregando unha portada de La Región?

O que fixen foi reproducir por vía dixital a portada e encima da portada estampei o gravado da fonte de Duchamp. Quería homenaxear a este artista, cando se cumpren 100 anos da exposición desta escultura, tan importante na historia da arte.

Por que a considera tan importante?

A fonte era un urinario que el comprou, doulle a volta e chamoulle fonte. Expuxoa nun salón de exposicións que non tiña moito recoñecemento porque era onde expoñían os artistas que non estaban tan ben vistos. Foi tan rompedor que o rexeitaron os rexeitados. El o que fixo foi chamar a atención sobre o pensamento que xenera no público un obxecto. Iso para o público si foi moi novidoso.

Por que esta homenaxe a Duchamp?

Duchamp gústame pero non é un ídolo para min, si que lle recoñezo esa volta que lle dou á arte, esa obligatoriedade da reflexión por parte do espectador. Por iso lle dou tanto mérito a esta obra en concreto.

Pretende vostede o mesmo coas súas obras?

Eu só pretendo aprender coa miña obra, non creo que o espectador da miña arte teña porqué estar interesado no que eu penso, el ten que sacar as súas propias conclusións, non saber as miñas. 

Como se sente ao rematar un traballo?

É una liberación cando o das por terminado. É unha satisfacción se pasado o tempo che segue provocando, hai obras que por moito que se vexan che seguen sorprendendo. Esa é a maior satisfacción. 

Te puede interesar