ARTE ET ALIA

Xosé Vilamoure ao cadrado

Xosé Vilamoure.
photo_camera Vilamoure diante dos seus "Animais en perigo de extinción".

Inaugurouse 'Animais en perigo de extinción' nada máis comezar a estación do outono na sala Alterarte, no Campus, do pintor 'Vilamoure

Inaugurouse 'Animais en perigo de extinción' nada máis comezar a estación do outono na sala Alterarte, no Campus, do pintor 'Vilamoure. Ámbalas son do prolífico artista, nacido Xosé Rodríguez González (n.1967), con obradoiro na parroquia de San Estevo de Vilamoure, Punxín, na bocarribeira do Barbantiño, de onde tira o seu alcume. Vilamoure xa no las anticipara no verán de 2011, na compaña de Ollo ledo, outra serie, nunha ampla mostra no Centro Cultural da Deputación. No seu bo catálogo, realizado por Edenia, a introdución do artista e profesor Manolo Figueiras, amigo seu, é reutilizada agora no folleto da Universidade de Vigo. 

Os homes, agás Orfeo, non poden falar con animais, mais xa Samaniego, no século XVIII, ou Esopo, na época antiga grega, foron quen de facermos imaxinar o que dirían... 'Os animais miran con estrañeza ao home e este devólvelles a mirada', escribía Figueiras entón. Os sete anos que van daquela exposición a esta permiten decatarmos da capacidade anticipadora do artista, quen fixo a serie en 2008, e xa nos avisaba dende os seus pinceis e creatividade da perda da biodiversidade no mundo. Esta é unha das súas virtudes. Mais outra é a súa expresividade, que tiñamos esquecido. 'Lémur colar branco e negro, Mangabey' é a obra que a abre, e péchaa Coello de ribeira, na pequena sala do Pavillón, obras de 2008 como as outras nove. O poder delas é cativador, principalmente naquela, con algo de sarcasmo, dende o sorriso. No eixo Vilamoure fixo ad hoc un friso con cabezas deses animais, instalación de oitenta e oito pezas, figuriñas en barro que nos interpelan dende  os seus miúdos volumes. Velaquí a terceira exposición de Estado Crítico 13 curador*s 13 artistas, con Ángel Cerviño como guía que escolleu os cadros, e ao profesor Xosé M. Buxán Bran como coordinador. 

Na galería, Vilamoure selecciona algunhas obras desta extensa serie, iniciada en 2006 que deu en retomar e concluír entre 2014/2016. Son centos de retratos baseados no coñecido libro da Taschen, editora alemá de arte, tirando das fotos en B/N do índice do catálogo de artistas. Fíxoos con coidado a óleo, sendo os seus corpos e os fondos acuoso de acuarela e esmalte unha pura invención, produto do azar. 


ESCOLLA ECLÉCTICA


Nesta manipulación-apropiación das realidades dos retratados fai o artista unha escolla ecléctica que tanto fai depender dun cadro do século XVII como inspirarse nunha reprodución fotográfica antiga ou recente. O soporte é papel, material preferente do artista, no que fai retrato individual, dobre, ou de grupo, opción esta coa que resolve o seu desexo conclusivo da serie de case oitocentas caras, algunha delas invención súa tamén... Dende o xesto do fondo ao miúdo os rostros, tres niveis de pulsión, co que viste a obsesión do concepto decimonónico de Frankestein. Algunha das pezas utilizadas quítaa de Velázquez, coidando que encaixen, que as partes se gusten, que convivan. O seu traballo máis recente é arredor do parkour, 'Pedro Salgado vive na arte', no que traballa a cor e a paisaxe. 

Te puede interesar