desemprego

A Xunta axuda aos concellos coa contratación de desempregados

O goberno galego pechará o prazo de solicitude para as dúas liñas de axuda o próximo 12 de febreiro

A Consellería de Economía, Emprego e Industria activa dúas convocatorias de axudas dirixidas aos concellos para a contratación de persoas desempregadas.

O Goberno autonómico anunciou o pasado venres estas liñas de apoio no DOG e inclúe actuacións para a contratación dos perceptores da Renda de Inclusión Social (RISGA) e de 620 desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social.

A Xunta investirá preto de sete millóns de euros, nunhas liñas de apoio que forman parte da Axencia 20 para o Emprego coa que está impulsando en Galicia a mellora do mercado de traballo. 

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, subliña que as dúas liñas de axuda "resultaron moi exitosas nas pasadas convocatorias e foron moitos os concellos da provincia que se viron beneficiados ao abeiro destes programas". En concreto, na pasada convocatoria, un total de 53 de concellos ourensáns contrataron a 173 desempregados cunha achega de 1,3 millóns de euros. Díaz Mouteira referiuse ao segundo programa de axudas, que na pasada convocatoria concedeu case 140.000 euros a 43 concellos da provincia ourensá, posibilitando a contratación de 48 persoas desempregadas. En total, 221  traballadores contratados na provincia ao abeiro destes programas.

Apoio durante sete meses

Con independencia da duración do contrato, o período que financiará a Xunta con estas axudas dirixidas a concellos e as grupacións de concellos, será de sete meses. A contía que se conceda será a equivalente ao necesario para sufragar os custes salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social.

Te puede interesar