Xunta destaca actuacións nuns 20 concellos ourensáns por 30 millóns

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, fixo hoxe balance das principais actuacións en materia de infraestruturas no 2010 e destacou a posta en marcha de actuacións en máis de 20 concellos por máis de 30 millóns de euros.
Acompañado polo secretario territorial, Luis Menor, e o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José César Losada, o delegado da Xunta subliñou o avance nas estradas autonómicas, nas que se investiron preto de 900.000 euros e que se continuarán executando no 2011 cunha partida de 1,8 millóns de euros.

Mentres, no apartado de promoción pública, rehabilitación de vivendas, Martínez destacou o investimento próximo a 14 millóns de euros que no 2011 ascenderán a 17 millóns.

En materia de auga e saneamento, destacou as melloras en abastecemento e saneamento na mancomunidade Allariz-Taboadela, saneamento do río Sil, na bisbarra de Valdeorras, a construción dun colector xeral, dunha estación depuradora no Carballiño e as melloras da EDAR de Verín.

En canto ao 2011, o delegado destacou no capítulo destinado a estradas o orzamento de 104,8 millóns de euros, no que se inclúen os traballos da autovía Ourense-Celanova e que suporá un investimento de 75,8 millóns de euros.

Ademais, Martínez significou o investimento de 600.000 euros para a circunvalación leste de Ourense 'que permitirá desconxestionar o tráfico do núcleo urbano da cidade', ademais dos case 700.000 euros para a humanización de rúas en Ourense.

En total, 148,3 millóns de euros para a provincia de Ourense que suporán un investimento de 444 euros por habitante, o que converte a Ourense, segundo o delegado, na provincia 'galega na que a Xunta de Galicia inviste máis por habitante'.

Unha demostración, engadiu, de que a Xunta de Galicia 'aposta polo reequilibrio territorial'.

Te puede interesar