POLÍTICA LINGÜÍSTICA

A Xunta promociona o uso da lingua galega nas empresas

xUNTA GALEGO_result
photo_camera Fran Núñez, Bruno Roales, Valentín García, Rosa María Sánchez, Jaime Pereira e Rogelio Martínez.

Política Lingüística reuniuse cos empresarios ourensáns para establecer vías de colaboración

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, proponse o impulso do galego na empresa e, por iso, onte mantivo un encontro de traballo con membros da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) centrado no Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020, que está a elaborar a Xunta de Galicia. Este documento busca incrementar a presenza do idioma propio nas relacións empresariais e comerciais, un ámbito de influencia e prestixio, e que isto sirva de efecto multiplicador no resto da sociedade.

A representación institucional congregou na sede da CEO a cargos a organización e a varios representantes das empresas asociadas. A xuntanza enmárcase na rolda de consultas que se están levando a cabo con axentes estratéxicos na galeguización do tecido económico galego e que xa incluíu contactos previos co Foro Enrique Peinador, coas cámaras de comercio, coa Federación Galega de Parques Empresariais e coa Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, entre outros.

Nesta fase, a Consellería pretende incorporar o máximo número de achegas posibles desde todos os ámbitos sociais. Xa son 25 as entidades que propuxeron as súas propostas neste período previo á aprobación do Plan, prevista para finais de ano.

No espírito do que será o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico o idioma propio de Galicia preséntase como un valor engadido no ámbito empresarial, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Un dos aspectos principais é que a lingua galega, ademais de ser un valor como denominación de orixe e de implicar un plus de confianza, calidade e proximidade nos consumidores, fai posible a vía da comunicación internacional en mercados emerxentes do mundo lusófono, como o brasileiro ou o angolano, o que pode redundar nun beneficio en canto a resultados económicos se refire.

O documento establece cinco áreas de traballo principais que son a industria, o traballo, o cooperativismo, a banca e o comercio. A elas engádenselle outras como a hostalería e a restauración, a industria alimentaria, as axencias de publicidade e entidades intermedias tales como xestorías, asesorías ou despachos de avogados. Dada a natureza da área, poranse en marcha máis de 70 actuacións, algunhas de carácter transversal e outras orientadas a un campo económico en concreto.

O obxectivo común pasa por reforzar e aumentar a presenza do galego neste sector, para ampliar os lazos comerciais e xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade.

Te puede interesar