2021: a claqueta final

31 de decembro, tempo de rebobinar. Algún dato solto: as plataformas dixitais seguen a gañar público, os cines volveron programar con regularidade, os cineclubes seguen e seguirán a loitar na resistencia. Neste panorama estraño, con aforos reducidos, onde se estrearon películas do 2020 xunto coas ultimísimas novidades, sinalo algún título sobresaínte. O filme Nomadland, inspirado no ensaio de Jessica Bruder, foi sen dúbida un dos filmes deste 2021. Chloé Zhao convertiuse na segunda muller da historia en gañar un Oscar despois de Katherine Bigelow. A actriz Frances McDormand conseguiu o seu terceiro Oscar como mellor actriz protagonista. Zhao confirmou o talento xa demostrado en obras anteriores como The Rider (2017), ou Songs my Brothers Taught Me (2015), e, unha vez máis, demostrou que o soño americano está baleiro dende hai tempo. Nomadland retrata con tenrura e realismo o corazón inédito dun país. Fálanos do presente pero quizais sobre todo do futuro.

Outra película destacada é Una joven prometedora, ópera prima da británica Emerald Fennel. A cineasta utiliza os elementos da comedia negra para abordar, de forma pouco convencional, o machismo e a violencia sexual. O personaxe de Cassie, interpretado por Carey Mulligan, quedará seguramente para o recordo. Outro filme británico que abriu unha reflexión sobre o xénero de forma brillante é Última noche en el Soho. Un thriller estiloso e agridoce que reescribe a época dourada dos sesenta, a través dos ollos dunha rapaza que, a pesar do seu talento, non pode convertirse en artista pop por ser muller. Outra personaxe feminina do 2021 foi sen dúbida Jessica (Sofia Kappel), a aspirante pornostar de Pleasure, ópera prima da sueca Ninja Thyberg. Pleasure merece estar aquí pola súa proposta inédita, sincera e directa, e polo esforzo de contar sen moralismos a industria da pornografía fuxindo do sensacionalismo.

Entre os cineastas máis recoñecidos que volveron ás pantallas neste 2021 non podemos esquecer a Ridley Scott. Este ano estreou dúas películas: El último duelo e La Casa Gucci. O primeiro foi un desastre en taquilla a pesar de ser un filme moi logrado que dá unha volta Me Too ao xénero de cabalerías. Tampouco podemos esquecer ao italiano Paolo Sorrentino que estreou neste mes de decembro o seu gran amarcord napolitano, titulado Fue la mano de Dios. Ou a cineasta Jane Campion que voltou ao cine con El poder del perro, un western sen balas, unha película do oeste forxada sobre o silencio e os duelos psicolóxicos.

O regreso de Fernando León de Aranoa ao cine foi tamén unha das mellores sorpresas do ano. En El buen patrón, contounos con algo de humor negro e un pico de grotesco, as vivencias do empresario Blanco (Javier Bardém), o xefe dunha empresa de básculas nunha cidade da provincia española. El buen patrón foi capaz de facer un gran contraplano de Los lunes al sol, poñendo os focos sobre os que mandan.

Tampouco podemos esquecer a Cuñados de Toño López. A película con ADN ourensán chegou ás salas do cine comercial en primavera para convertirse, en poucos días, na comedia galega máis taquilleira da historia.

Poderiamos lembrar moitos máis títulos, tamén algunha serie ou documental, pero quedámonos con este puñado de filmes. Na espera da nova tempada cinematográfica, despedímonos cunha secuencia brindis. O baile final de Mads Mikkelsen en Otra ronda de Thomas Vintenberg sobre a música e a letra de Scarlet Pleasure. Un imno á vida. O final cinematográfico perfecto para este 2021.

Te puede interesar