Air Jordan

A miúdo, o drama deportivo regalounos auténticas xoias cinematográficas. Na cima dos deportes máis retratados na historia do cine está o baloncesto, xunto co boxeo ou as artes marciais. En tempos recentes, non podemos esquecer a miniserie de ficción Tempo de victoria dirixida por Adam McKay -dispoñible en HBO Max- onde os fans do basket, e non só, puideron revivir unha das páxinas máis gloriosas da NBA: a de Magic Johnson e dos Lakers. No ámbito documental, El último baile –estreado hai tres anos en Netflix- é outro gran documento sobre o baloncesto, esta vez centrado na vida e nas conquistas deportivas doutro campión: Michael Jordan. O xogador dos Chicago Bulls volve a estar presente no filme de Ben Affleck, Air, sobre a historia da creación da marca de zapatillas Air. Aínda que, aquí, Jordan é unha especie de McGuffin e queda fora do encadre.

En Air a competición trasládase dende as canchas de baloncesto aos despachos, entre axentes sen escrúpulos, empresarios visionarios, xuntas directivas, consellos de administración e departamentos de marketing. En Air hai unha comparación moi evidente entre a competición deportiva e a empresarial. A mensaxe, en puro estilo “soño americano”, é que se unha idea nace desde o talento individual, grazas ao traballo en equipo e asumindo os riscos, pode converterse nun éxito. Nos anos oitenta, Nike tiña só o 17% da cota no mercado, sen posibilidades competir directamente contra as multinacionais como Adidas ou Converse. Grazas ao talento -e a fe- de Sonny Vaccaro, a un grupo ben compenetrado de outsiders afamados e guiados por un pouco convencional xefe como Phil Knight, Nike conseguiu arrasar sobre as demais marcas deportivas. A historia deste team empresarial pódese comparar perfectamente ao éxito deportivo dos Chigago Bulls de Michael Jordan e Phil Jackson que medraron, no ámbito deportivo, case paralelamente. Ademais a zapatilla creada arredor de Michael “Air” Jordan, revolucionou por completo a industria do calzado. Por primeira vez un xogador recibía un porcentaxe sobre a venta baixo o concepto que os zapatos empezaban a ter un valor no momento que el os poñía. Algo que marcou un antes e un despois.

Air é un filme ao servizo dos actores e que privilexia os personaxes. Matt Damon é perfecto no papel de Vaccaro. O resto do reparto son all star, sobre todo Viola Davis, Chris Tucker, Chris Messina e Jason Bateman. O mesmo Ben Affleck logra un crible retrato de Phil Knight, o excéntrico budista e fundador de Nike. O guión de Alex Convery é solvente, así como a dirección de Affleck. A estética vira ao vintage e o filme está adornado por múltiples referencias iconográficas aos símbolos do consumo dos anos oitenta cunha playlist “born in USA”. Air é unha dramedia entretida, agradable. Demostra que se pode realizar unha película deportiva, homenaxear a esencia dun sport e o espíritu dun xogador emblemático, sen que case aparezan na pantalla.

Te puede interesar