Crónicas de agora e sempre

O asasinato de Calvo Sotelo, unha traxedia tan persoal que lle acabou custando a vida

O corpo de Calvo Sotelo na sumamente coñecida imaxe do fotógrafo Alfonso.
photo_camera O corpo de Calvo Sotelo na sumamente coñecida imaxe do fotógrafo Alfonso.

Como xa foi apuntado, é evidente que a interesante traxectoria biográfica de Arturo Salgado Biempica non se pode entender sen o cruce de Calvo Sotelo na súa vida. Pero tamén é moi posible que, cando menos os derradeiros anos de Calvo Sotelo dende o seu regreso do exilio parisino tamén fosen moldeados doutro xeito sen a influencia exercida por Salgado Biempica no día a día do político cuxo asasinato acelerou a traxedia na historia da España a partir dos anos trinta.

Quen sabe se nos discursos afervoados, directos e sen complexos do conservador de Tui, non estivesen, entre liñas, as variadas modulacións “tenaces, perseverantes, acitivas e incansables” que lle atribuían os medios ós discursos de Salgado Biempica pola provincia de Ourense, cando este se encargou da secretaría particular de Calvo Sotelo.

Unha secretaría que o levou a vivir en Madrid, moi preto da casa da rúa Velazquez onde residía Calvo Sotelo e a onde os gardas de asalto do cuartel de Pontejos e algúns militantes socialistas o foron buscar aquela aceda madrugada do 13 de xullo de 1936, como resposta ó asasinato sufrido polo seu correlixionario tenente Castillo, un día antes.

Contan as crónicas dos historiadores que afondaron nas horas previas á irregular detención de Calvo Sotelo, como Ian Gibson, Hugh tomas ou Stanley G. Payne, que cando Calvo Sotelo baixaba as escaleiras do edificio cara a camioneta onde lle ían segar a vida, encargoulle á institutriz francesa que atendía ós seus fillos, que avisase ós seus amigos Andrés Amado e Salgado Biempica e lles contase o que estaba pasando.

“El primero en llegar a la casa, acompañado de su mujer, es Arturo”, para facerlle compañía á dona de Calvo Sotelo, Enriqueta Grondona e ó resto da familia.

A impresión que sofre Salgado Biempica cando na casa de Calvo Sotelo é recibida a noticia de que o seu cadáver está no depósito do cemiterio da Almudena, é tan impactante que o ourensán desaparece de toda actividade pública, ata que os xornais informan, primeiro da súa presenza en Burgos e logo da súa morte, acontecida en Segovia o 17 de abril de 1937.

Os xornais son tan explícitos que afirman que “sintió tal impresión con el asesinato del gran español, que desde entonces enfermó y la enfermedad fue tan honda que lo acabó llevando al sepulcro”.

Te puede interesar