Crónicas de agora e de sempre

Avelino Muíños: Marruecos no corazón

O Padre Muíños é o freire que está sentado. O resto de fotos son imaxes de Tetuán e do gobernador moro da cidade.
photo_camera O Padre Muíños é o freire que está sentado. O resto de fotos son imaxes de Tetuán e do gobernador moro da cidade.
Unha das vías de escape que ata o século XIX utilizaron os ourensáns para explorar novos mundos foi, sen dúbida, a das misións relixiosas. Exemplo diso é este fillo de Leiro ó que destinaron a Marruecos e acabou residindo alí case corenta anos

Serían moitos os ourensáns con pasaporte para poderen “circular” hoxe por esta páxina -sobre todo os protagonistas dos tráxicos tempos de Annual- como bos coñecedores do país que trae de cabeza ó goberno español. Quixen, sen embargo, que no seu nome estivese este freire franciscano, porque entre 1889 e 1928 residiu alí e foi un dos que máis fondos coñecementos adquiriu sobre a vida cotiá daquelas xentes, cousa que lle había vir moi ben ó presidente Sánchez para saber algo máis da súa singular idiosincrasia.

Deixou escrito Alfredo Cid Rumbao nun artigo publicado neste xornal o 28 de agosto de 1960, que “si uno se pregunta qué cualidad distingue mejor a las grandes figuras de nuestra provincia, habría que convenir que su universalidad”, reforzando esta aseveración con outra que di que “el orensano trasladado a otras tierras, no sólo es capaz de actuar sobre ellas como si fuesen propias, sino que sabe trascender de tal forma que su obra se refiera a temas universales”.

 Estas afirmacións do historiador de Allariz non ían dirixidas a Avelino Muíños senón a un familiar, pero reflicten diafanamente o seu perfil humano.

O neno Avelino nace o 9 de marzo de 1857 ó pé da abadía cisterciense de San Clodio que, aínda que xa desamortizada, seguramente algo había influír -xunto coa lóxica mediación da nai- na súa formación relixiosa, cousa que inicia ós once anos “na famosa pasantía” -di o biógrafo, Samuel Eiján- de Vilela (Punxín), onde estudou Humanidades, antes de se trasladar a Ourense e ordenarse sacerdote en 1880. Chamado para rexentar a parroquia natal, todo apuntaba a que a súa biografía ía destinada a ser a dun crego rural máis.

Sen embargo, nada máis lonxe da realidade, xa que tan só catro anos despois, “dejándonos a obscuras en orden a las causas que motivaron el cambio de vida del P. Avelino” -apunta Samuel Eiján-, decide tomar o hábito franciscano en Compostela e o 22 de xaneiro de 1889 viaxar a Tánger, colocando alí o kilómetro cero dun percorrido vital polo Magreb que duraría nada máis e nada menos ca 39 anos e que tería parada e fonda en Casablanca, Mogador, Tetuán, Nador, Larache e outros moitos lugares máis temporais, na maioría dos casos como responsable principal das misións asentadas en cada localidade e que o forneceron cuns coñecementos enciclopédicos, non só sobre as propias localidades, senón -o que foi máis importante- sobre as súas xentes, os seus costumes e as relixións -moros, xudeus, cristiáns- que aquelas profesaban e que foi dando a coñecer na revista da orde, “El eco franciscano”, que un seu sobriño, homónimo del e cura de Anllo (San Amaro), recolleu en tres tomos e que o acabaron facendo merecente en 1926 da concesión por parte do goberno español da “Gran Cruz y título de Comendador de la Real Orden de Isabel La catolica”.

Tres volumes nos que Avelino Muíños se amosou con frecuencia moi crítico coa “política funesta” que España e Francia executaron “en la misión de introducir la civilización y la cultura en el imperio magrebino”.

E de tal xeito o fixo que, “Con el libertinaje de los europeos no se civiliza Marruecos”, titulaba ese xornal en 1925, unha crónica súa datada en Tánger e na que censuraba ós dous países, porque en vez de “mandar comerciantes, empleados, industriales, obreros (...), se han propuesto enviar acá lo que sobra allá: hombres y mujeres sin oficio ni beneficio, cupletistas y tanguistas, cafés cantantes, cines y casinos, casas de lenocinio, tabernas y figones.En una palabra, gentes de poca edificación”.

A conversión dun cónsul anglicano inglés e o funeral por un tenente ourensán de Olás

A obra de Avelino Muíños Millán -que así era o seu nome completo- non se remitiu exclusivamente a un papel de testemuña do que acontecía no país que lle tocou o corazón nada máis poñer un pé nel, senón que -loxicamente dende a súa función misioneira e evanxelizadora- foi quen de mergullarse tamén na evolución política e social, poucas veces tranquila, moitas perigosamente bélica e de cando en vez sumamente tráxica.

Serían incontables as intervencións do monxe na vida cotiá do país en cada misión que rexentou dende a costa sur atlántica de Mogador ata a mediterránea Nador -cidade que viu nacer e que hoxe conta con máis de 160 mil habitantes-, ó longo das catro décadas.

Hai dúas, sen embargo, que xulgo pertinente traer a colación pola súa singuridade. Unha, porque lle proporcionou fama e prestixio dentro da orde como evanxelizador,  e non precisamente por conseguir a conversión ó catolicismo de ningún cidadán autóctono, senón a do cónsul inglés de Mogador, “perteneciente a la secta anglicana” e sobriño dun arcebispo irlandés desa relixión, segundo se recreou o cronista de “El Eco franciscano”.

A segunda tivo lugar o 23 de outubro  de 1913 en Tetuán, oficiando os actos funerarios organizados no cemiterio cristián daquela cidade para inaugurar o mausoleo que “la colonia gallega de Ceuta y Tetuán” financiou, co fin de homenaxear ó tenente Julio Reinoso Fernández, natural de Olás (A Merca), “que murió como bueno, defendiendo a su Patria” no famoso “combate de Luzien” no que participou o xeneral Primo de Rivera e que lle custou a vida a unha manchea de soldados, entre eles “el comandante Mantilla, mi ayudante de campo, y el teniente Reinoso”, segundo explicitaba o parte de guerra do propio Primo de Rivera.

Con pena por verse testemuña tamén de “la inmensa inquinidad que los gobiernos de Francia e Inglaterra cometieron al hacer el reparto de aquel imperio, adjudicando a España la vigésima parte tan sólo del extenso territorio magrebino, dejando las diecinueve restantes para Francia y quitanto a España la zona de Tánger”, e afectado dunha grave doenza nunha perna, Avelino Muíños opta polo regreso á casa matriz de Compostela, “reencontrandose en el secreto de la vida ascética” e deixándose levar polo silencio ata o 11 de febreiro de 1940 cando contaba 83 anos. 

Te puede interesar