Breve historia de Feijóo, o navegante

Armada holandesa na batalla das Dunas, na que participou o almirante Feijóo.
photo_camera Armada holandesa na batalla das Dunas, na que participou o almirante Feijóo.
Coñecido xa en toda España o Feijóo do século XXI -agora con vocación de presidente do país-, e sumamente popular na historiografía española o poliédrico Feijóo -o padre-, emerxe hoxe a colación a descoñecida figura doutro Feijóo, nos mares

Aclamado onte coma a esperanza “azul” do centro-dereita na outrora capital das Indias, e mergullado de volta na política autonómica para plegar velas e arriar a bandeira feijoniana do mastro de San Caetano, coñecedor da figura do Padre Feijóo; se cadra non lle viría mal, na singladura que prepara cara a Moncloa, achegarse a estoutro Feijóo “o navegante” (ourensán coma eles, aínda que anónimo) e aprender da súa fortaleza e da súa varuda robustez para resistir os arcabuzazos e golpes de mar que sabe que lle ten preparada a travesía.

Pero, quen é este Feijóo descoñecido que asoma agora pola popa da historia para demostrarlle ó Feijóo contemporáneo as moitas veces que terá que navegar sen velas e sen timón e aínda así tentar chegar a porto?

A primeira noticia del recollémola nunha cita do “Galicia” de Murguía cando aborda o nacemento da “Escuadra del Reino de Galicia” e a constitución dun “Seminario de muchachos del mar” para conformala,  atribuíndo tal proposta “al celo del Almirante Feijóo, sabio y excelente marino como pocos en su tiempo”;  e, posteriormente, nunha segunda referencia a pé de páxina na que o home de Rosalía reitera que “fue uno de los grandes marinos que contó Galicia y tío del insigne Padre Feijóo”.

Concluído, logo entón, que formaba parte da estirpe dos Feijóo, digamos que o seu nome completo era Francisco Feijóo Sotomayor e que “vino al mundo en Castro Caldelas -según el Padre Gándara, que lo conoció- a finales del siglo XVI”.

O informante, neste caso, é Manuel Molina que lle dedicou unha síntese biográfica no diario “La Verdad” o 1 de outubro de 1922 na que o identifica tamén como autor dunha obra publicada no ano 1629 en Cádiz e titulada “El sargento embarcado”. Nela, o mariño caldelao aborda algúns aspectos da súa xeira marítima e dá consellos de navegación para os soldados neófitos en base ós coñecementos adquiridos e ás experiencias vividas nese primeiro terzo do século XVII na Armada Real e posteriormente, a partir de 1633, na “famosa Armada Gallega”, que el contribuiu a fundar en tempos de Felipe IV, como “primer capitán gobernador y cabo de la fábrica de galeones”, con Juan Pardo de Aguiar como primeiro almirante.

“Era ya por entonces - describe Molina Mera- tan experimentado navegante” que chegaron a facérense famosas as súas palabras no sentido de que “tenía medido con sus huellas todo el mar océano”.

E, se non de xeito literal si dunha maneira xenérica, non se lle pode negar base de veracidade a tal aseveración, pois se un segue as tres crónicas que publica “La ilustración gallega y asturiana” no ano 1879, nas que está reproducida a súa “relación de servicios” que dis que conservaba un familiar no arquivo dos Feijóo, son moi diversos os puntos e localizacións marítimas dos mares do Norte, do Mediterráneo, do océano Atlántico, do Caribe e mesmo dos mares do Sur na bahía brasileira de Santos, polas que bogaron os galeóns que comandou, así como as batallas que en varias ocasións estiveron a piques de lle costar a vida.

Entre as máis coñecidas, a folla de servizos destaca o papel que Feijóo xogou en 1615 “en la toma y fortificación de Mamora (Marruecos)” no galeón San Bartolomé, xa que ó atoparse en Larache “con un navío de piratas de mucha fuerza, se peleó con él el día siguiente a Navidad y abordándole y metiéndole gente dentro, la voló con una mina que tenía hecha entre dos velas, abrasando y lastimando cincuenta personas y se estuvo peleando con la artillería y mosquetería sin desaferrarse, hasta que viéndose bien apretado, dándose fuego se voló, salvándose de ellos y quedando maltratadas solo 16 personas”.

De cando quedou manco en Brasil, preso en Flandes, e no ano 1642 morto en Barcelona

No curto espazo de tres crónicas, son moitos os episodios que na relación de servicios describen pasaxes certamente incribles e que converten en completamente insólita a súa lonxevidade (superou sobradamente os 50 anos) dados os perigos permanentes ós que se enfrontou polos catro puntos cardinais.

O primeiro de suma gravidade viviuno en 1623 na bahía de Santos de Brasil a onde o rei enviou á armada co fin de reconquistar a cidade e onde Feijóo se alistou pedindo licencia para ir “sin pagas ni sueldo”.

Conta a crónica que “el día que había de saltar la gente a tierra en la bahía lo nombraron para que fuesen con él tres compañías de arcabuceros a reconocer la campaña y a ocupar el puesto de San Benito, como así se hizo”. Na operación enfrontáronse “con el enemigo”  e “con solo la espada en la mano, le pasaron de un mosquetazo, el brazo izquierdo, rompiéndole la caña de que quedó manco”.

Non foi óbice suficiente, sen embargo, este lastimoso lance, para que Feijóo desistise da súa gran paixón que era a navegación e un ano despois xa estaba de novo á fronte doutras aventuras mariñas, xa fose no Caribe, xa nas costas do sur de Inglaterra, xa no mar Cantábrico, onde el só coa súa tropa logrou “dar carena y sacar del río Orio al galeón Nuestra Señora del Coro y otros tres más, que llevó a Guetaria para que les quitasen la artillería, llevando también otro cargado de árboles a Portugalete”.

Pero os perigos continuaron axexando. Así o describe nunha travesía da Habana a Cartagena no galeón “La Victoria”. “Habiendo pasado 50 días con menos de medio cuartillo de agua, sin otra comida más que algunas migajas, se comieron ratones y otras cosas asquerosas y se bebían orinas y fue tal la desdicha que se murieron de hambre y sed veinticinco personas”.

Perigos que experimentou tamén en Flandes, a onde viaxou en 1639 abordo do galeón Santiago, véndose implicado na famosa batalla das Dunas, onde só claudicou cando quedaban el e 13 homes e onde acabou preso “muchos meses en la cárcel pública, padeciendo trabajos y desnudez hasta que fue socorrido por -dous sobriños- sus parientes”.

E perigos cos que finalmente atoparía a morte, según Murguía, no ano 1642 “despedazado por una bala de artillería al abordar un galeón francés, en aguas de Valencia”, aínda que outros historiadores fixan a batalla nas costas de Barcelona.

Te puede interesar
Más en Sociedad