Catro equipos galegos figuran entre os finalistas do RetoAlcoa

Os equipos lugueses 'Alediv', do IES Río Cabe, e 'Cs3ping', do IES A Pinguela, ambos situados no municipio de Monforte de Lemos, e os coruñeses 'DobleA', do IES Sofía Casanova (Ferrol), e 'Dejavú', do IES Sabón (Arteixo), quedaron finalistas na décimo segunda edición do programa educativo sobre xestión ambiental RetoAlcoa.

Neste programa, promovido e patrocinado pola Fundación Alcoa e organizado pola Fundación Junior Achievement, participaron un total de 241 equipos -129 de Galicia-, formados por máis de setecentos estudantes -de entre 16 e 24 anos- de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, das comunidades autónomas en que ten presenza a multinacional norteamericana.

Despois de catro meses de desenvolvemento do programa nas aulas e de competición a través da Internet, os oito equipos que obtiveron unha maior puntuación, procedentes de Galicia, Alacante, Asturias e Biscaia, participarán na final, que decorrerá en Madrid no vindeiro 10 de abril.

Ademais, todos os equipos seleccionados participarán nun seminario especial sobre 'Habilidades para o éxito', que terá lugar no día 9 de abril, unha xornada en que os alumnos recibirán formación "de primeiro nivel", explica a Fundación Alcoa nun comunicado, "que poderán aplicar no seu futuro profesional".

O programa RetoAlcoa procura"estimular o espírito emprendedor dos máis novos" e permite aos alumnos "pór en práctica os coñecementos adquiridos nas materias de matemáticas, administración de empresas e economía, coa tutela dos profesores e de maneira atractiva", a través dun "formato de competición pola Internet".

Te puede interesar