O chantadino Xaime Subiela gaña o Premio Ramón Piñeiro

O autor chantadino Xaime Subiela.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deu a coñecer onte a obra gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2012, que nesta duodécima edición recaeu na obra 'Para que nos serve Galiza?', do autor chantadino Xaime Subiela.
Da concesión do premio informou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa posterior á reunión do xurado, na que tamén participou o director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes; a representante de Gas Natural Fenosa, Amalia Baltar Estévez, e Carlos Lema como representante do xurado. Este premio, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística -a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades- e pola editorial Galaxia, coa colaboración de Gas Natural Fenosa, está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra.

O xurado valorou de forma especial a modernidade da análise da situación de Galicia e a novidosa formulación dos retos da sociedade galega, indicou a Consellería de Cultura. A obra 'Para que nos serve Galiza?' constrúese en torno á idea de buscar alternativas colectivas conciliadoras arredor do concepto integrador de nación, cunha visión optimista de futuro.

O investigador Xaime Subiela é unha persoa de traxectoria destacada no ámbito da política lingüístical. Foi director técnico dos plans de normalización dos concellos de Ferrol e Santiago e director da investigación do Informe de Política Lingüística en Galicia do Consello da Cultura Galega.

Te puede interesar
Más en Sociedad