“O corno” de Jaione Camborda

Hai unhas semanas estabamos celebrando neste espazo o excelente momento que está a vivir o audiovisual galego. Diferentes miradas, xéneros e formatos: a excelencia dunha cinematografía nas súas múltiples expresións. Despois da súa estrea en Toronto e o seu pase triunfal polo Festival de San Sebastián onde gañou unha Concha de Ouro histórica polo cine galego, e os premios no OUFF, esta semana chega á pantalla grande O corno de Jaione Camborda.

O filme está ambientado no 1971 na Illa de Arousa. A protagonista é María (Janet Novás) unha mariscadora que ao mesmo tempo é partera, e tamén abortista nunha época no que o aborto é ilegal. 

Tras un inesperado e tráxico suceso, María comeza unha perigosa travesía on the road que a levará a loitar pola súa liberdade na fronteira entre Galicia e Portugal...

O corno manifesta as súas intencións desde os fotogramas iniciais. A primeira escena describe un parto en casa de forma directa, intensa e visceral. Nove minutos nos que o son deseña un universo sensorial moi realista e abrumador. 

Os corpos das mulleres, o suor, os gritos, envoltos nunha fotografía caravagesca, describen, como nunca se viu nunha película, a dor do parto. Aquí está xa toda a esencia do filme, o súa fisicidade e tamén a súa sororidade.

Camborda non renuncia á compoñente de misterio expresada no seu debut Arima, pero O corno é un filme que quizais conecta máis con outros dos seus traballos como A rapa das bestas ou Proba de axilidade, onde a directora reflexionaba sobre a relación do ser humano co reino animal. O corno é unha película visceral, mamífera. É transcendente non tanto desde un sentido espiritual, máis pola súa natureza fronteiriza e pola súa capacidade de ir máis aló de constructos teóricos e intelectuais. 

Recórdanos que, no fondo, somos un elemento mais dun ecosistema que se basea sobre o ineludible ciclo da vida e da morte. Incluso a escena final suxire, sempre a través do mundo animal, que a verdadeira liberdade está en aceptar a evidencia, esa absurda beleza de ser. O corno é unha película ambientada no tardofranquismo pero que dialoga coa actualidade. O control do corpo da muller, ás fronteiras políticas, incluso a inmigración, son temas que o filme enfronta de forma contundente sen renunciar a sutileza.

O franquismo, por exemplo, está de fondo. Non se menciona directamente pero sentimos a súa presencia asfixiante, o seu control, en todo momento. Tamén na festa, durante a actuación do mago interpretado por Diego Anido, escoitamos un acordeón entonando unha alegre melodía. En realidade é a canción fascista “Faccetta Nera”, quizais o himno machista por excelencia, un tema que enxalza a submisión da muller a través da violación.

Janet Novás no papel da protagonista é unha auténtica revelación, interpretando a unha personaxe que se deixa descubrir a través dos ollos e dos encontros cos demáis. Un guión sólido e a fotografía impecable de Rui Poças fan o resto. O corno é un canto á sororidade, un fito máis do gran momento que está a vivir o cinema galego, unha película imprescindible para ver nestes días nunha pantalla grande.

Te puede interesar