A falta de dez días para a finalización do prazo, xa se inscribiron 600 centros

Éxito de participación no concurso dos Bolechas

Os Bolechas durante unha actuación nun teatro galego.
O concurso 'Debuxa o teu cole', organizado polos Bolechas e Novagalicia Banco para resaltar o papel que xoga a escola na vida das nenas e nenos galegos, está a bater récord de participación, con máis de 600 colexios inscritos na primeira semana de concurso e máis de 14.000 nenos e nenas galegos que están facendo o seu debuxo para participaren.
O concurso está dirixido a alumnos de infantil e primaria de toda Galicia, que poden participar de forma individual e/ou conxuntamente coa súa clase. O prazo de participación no concurso remata o sábado día 30 deste mes.

Os nenos que non participen co colexio poden inscribirse de xeito individual e descargar a súa plantilla da web www.novagaliciabanco.es/osbolechas para faceren o debuxo, que enviarán por correo postal ou por correo electrónico -escaneado ou fotografado-. Nesta modalidade os concursantes inscritos superaban ao remate dos primeiros sete días de concurso os 450, e máis da metade xa enviaron o seu debuxo por correo electrónico.

Todos os colexios que concursen, polo simple feito de participaren, recibirán un lote de cadernos de actividades dos Bolechas que se deixará nos centros no momento de recoller os sobres cos debuxos. Ademais, sortearase un gran premio de 3.000 euros para o centro .

Na modalidade individual sortearanse 30 premios de 60 euros, 30 premios de 30 euros e 60 Bibliotecas Básicas Os Bolechas, que inclúen 12 libros mais a Mulecha (a maleta-vaca dos Bolechas).

Os gañadores serán escollidos mediante sorteo público entre todos os participantes. Cada unha das modalidades de participación contará co seu propio sorteo de vencedores.

A organización porase en contacto cos gañadores a través dunha chamada telefónica e por email. Ademais, publicarase a lista de gañadores a través da web do concurso na sección 'Taboleiro'.

Te puede interesar
Más en Sociedad