CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Un freire-gaiteiro no delta do Orinoco

Nenos da tribu indíxena warao, sentados nun palafito na misión de San Francisco de Guayo, en 1951.
photo_camera Nenos da tribu indíxena warao, sentados nun palafito na misión de San Francisco de Guayo, en 1951.
Naceu en Barral (Castrelo de Miño) como José Nieves, pero cando ós 28 anos adquiriu o compromiso vital de profesión da orde capuchina, asumiu o nome de Basilio María de Barral co que dedicou 57 anos da súa vida á misión en Venezuela

O achegamento á figura do exiliado Alberto Fernández Mezquita permitiume descubrir, da man do historiador do exilio galego en Venezuela Xurxo Martiz, a outro ourensán excepcional, partícipe neste caso dese colectivo tan peculiar coma o dos misioneiros ourensáns espallados polo mundo e que, coa súa valerosa e intachable traxectoria ven a desdicir algúns aspectos da acusación que a pasada semana verteu o presidente de Colombia, cando cualificou de “yugo español” ó asentamento dos españoles en Sudamérica.

Aínda que non logrei ter acceso á autobiografía que Basilio María de Barral escribiu sobre a súa longa estadía  por aldeas, palafitos e misións espalladas ó longo e largo do delta do Orinoco e que titulou “Mi batalla de Dios. Reflejos de la vida y afanes de un misionero”, quen si tivo acceso foi o historiador Xurxo Martiz, por quen coñecemos que aquel neno nacido en novembro de 1901 e bautizado como José Nieves, foi resultante do matrimonio de Barral (Castrelo de Miño) formado por Pegerto Nieves e Laureana Rodríguez.

Sabemos iso e tamén sabemos que con só 14 anos xa estaba estudando Humanidades no convento capuchino de El Pardo, de onde deu o salto ó de Bilbao para ingresar no noviciado da orde ós 18 e de aí ó de Montehano, en Santoña, no que se formou en Filosofía e Teoloxía, que rematou en León denantes de ordenarse sacerdote o 24 de xuño de 1928.

Tres anos intramuros nos conventos de Bilbao e Vigo deron paso a que en 1931 pisase por vez primeira terra venezolana na Misión do Caroní, nos límites da veciña Guayana inglesa. De Caroní foi destinado, ós dous anos, a unha misión situada na mesma desembocadura do Orinoco -San José de Amacuro-, onde comezou a convivir cos indios warao, ós que, nunha aldea ou noutra dos insondables manglares selváticos do delta lles dedicou a totalidade dos seus días.

Deles aprendeu todo canto se podía aprender, chegando a publicar sete traballos nos que afonda nas súas crenzas, nos seus costumes, na súa “historia, relixión e alma lírica”, incluso no seu cancioneiro, e entre os que destaca o dicionario “warao-castellano, castellano-warao” polo que a Universidade “Andrés Bello” o nomeou correspondente do Instituto de Investigacións Históricas na sección de linguas indíxenas.

Sen embargo, por máis que eses case sesenta anos da vida transitasen en cayucos polos labirínticos canos do Orinoco entre aldeas que precisaban ata 14 días de navegación para comunicarse entre elas, aseguran os que o coñeceron que “non só era galego, senón que exercía de galego”, tal como exemplifica un episodio recollido por varias  monxas que viaxaron con el á Misión de Amacuro.

Perante o cansanzo e a desidia dos abatidos navegantes -relatan as irmás-, o padre Basilio díxolles que lles ía poñer “una inyección contra el mal humor y la melancolía”. Entón -continúa o relato-, dunha bolsa que levaba con el “sacó unos tubos de madera huecos y hermosamente torneados, así como una especie de bolsa de caucho forrada de pana fina y, una vez engarzados, comenzó a soplar y el fuelle a hinchar hasta que empezaron a sonar unas melodías que nos hicieron olvidar las penas”.

Penas que retornaron ó arribar á misión e encontrar ó seu superior “escuálido y acabado, que más que un hombre parecía un esqueleto ambulante” e ós outros freires “con los ojos y los pies llenos de niguas (pulgas) que los hacían seres lunares o caídos de un asteroide”.

Esa foi a constante na que viviu e da que el se foi salvando porque -segundo presumía- “tengo piel de paquidermo o de búfalo”.

Un galego en Tucupita, un campo de concentración e unha parroquia en Guayo

Ademais de participar na fundación de dúas misións, crear escolas nas marxes dos incontables canos fluviais do delta, Basilio non esqueceu, cando tivo oportunidade, a outros paisanos seus cos que se encontrou na rexión. 

Foi a casualidade a que situou ó padre Basilio no hospital de Tucupita cando un exilado galego natural de Moaña, Manuel Villariño, foi ingresado nesa clínica por mor dunha ferida que lle producira un boi no campo de concentración de Guasina, onde estaba recluído. Un penal inmundo, este, que o dictador Pérez Jiménez reabrira a comezos dos anos 50 “en uno de los lugares de la tierra más hostil a la vida humana”, segundo descrición do escritor venezolano José Vicente Abreu, que o sufriu.

Ó recoñecérense os dous como galegos, o padre Basilio non só lle cantou o himno galego ó ferido, senón que se interesou fondamente pola situación na que malvivían os presos naquel vergoñento presidio, o que motivou de contado unha denuncia pública súa, así como a remisión dun escrito ó cardeal O’Conell de Nueva York e outro á ONU, que provocou un gran debate internacional porque Venezuela acollera aínda un campo de concentración coas máis funestas connotacións nazis, que acabou obrigando ó dictador venezolano a pechar o centro.

 Nese tempo o misioneiro de Barral regresou por vez primeira a España, aínda que logo volveu á selva do Orinoco. A primeira vez, en 1948, e a segunda en 1971.

Co regreso aséntase na Misión de Santo Cristo de Pedernales, a segunda capital do delta Amacuro, onde residiu ata 1984 cando, xa maior, retírase no lugar de Araguaimujo, na zona norte da desembocadura do Orinoco.

No ano 1988, aquel home menudo (chamado polos waraos, Ka-nobo, é dicir, o avó), que presumía de ter a pel dun paquidermo onde non deran entrado nin o paludismo, nin a malaria, nin ningunha outra enfermidade vital, coa vista case perdida por unha irite decidiu volver a España e escoller como derradeiro lugar de residencia a casa matriz de Vigo, onde faleceu en 1992, non se ter deixado como legado final unha poboación que leva o nome de Padre Barral en San Francisco de Guayo e que hoxe conta con 9 mil habitantes repartidos por unha extensión de 1.604 Km2, a cuarta parte da provincia de Ourense.

Te puede interesar
Más en Sociedad