Galicia sitúase como a comunidade con peor saldo vexetativo, con 6.047 defuncións máis que nacementos

A Comunidade galega mantense como a quinta con máis matrimonios, con 3.628



O número de nacementos e defuncións reduciuse un 4,5% e 3%, respectivamente, en Galicia no primeiro semestre de 2013 con respecto ao mesmo período de 2012, situándose como a comunidade co peor saldo vexetativo, con 6.047 defuncións máis que nacementos.

Segundo os datos do Movemento Natural da Poboación difundidos este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE), Galicia rexistrou no primeiro semestre de 2013 un total de 10.072 nacementos fronte aos 10.550 contabilizados no mesmo período do ano pasado, o que supón un 4,5 por cento menos.

Mentres as defuncións ata xuño ascenderon a 16.119, fronte ás 16.617 do primeiro semestre de 2012, o que implica unha redución do tres por cento, polo que o saldo vexetativo (nacementos menos defuncións) sitúase en -6.047.

Os datos do INE reflicten que o número de nacementos se reduciu en todas as comunidades no primeiro semestre de 2013, e só se incrementou nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla.

As comunidades autónomas que máis reduciron o seu número de nacementos na primeira metade do ano foron Canarias (-15,8%) e Comunidade Foral de Navarra (-11,0%). Pola súa parte, Aragón (-1,9%) e Rexión de Murcia (-2,1%) presentaron os menores descensos no número de nacementos respecto ao mesmo período de 2012.

En canto ás defuncións, o seu número tamén se reduciu en todas a comunidades autónomas no primeiro semestre de 2013 e tan só aumentou na cidade autónoma de Ceuta. Rexión de Murcia e Castilla-La Mancha (-8,8% ambas as dúas) presentaron as maiores diminucións no número de defuncións respecto ao primeiro semestre de 2012.

Pola súa parte, Galicia (-3%) e Comunidade Foral de Navarra (-3,6%) rexistraron os descensos máis moderados. O crecemento ou saldo vexetativo foi negativo en nove comunidades autónomas (Galicia, Castilla e León, Principado de Asturias, Extremadura, Aragón, Cantabria, País Vasco Canarias e Rioja). As cinco primeiras xa se atopaban nesa situación tanto en 2012 coma en 2011.


MATRIMONIOS

En canto ao número de matrimonios, este rexistrou un descenso en España do 3,9 por cento durante o primeiro semestre de 2013 respecto ao mesmo período do ano anterior, ao alcanzar os 70.996. Del total, un 2,4 por cento correspondeu a parellas do mesmo sexo (1.690).

Galicia mantense como en 2012 como a quinta comunidade con maior cifra de matrimonios no primeiro semestre de 2013, con 3.628, detrás de Cataluña (12.499), Andalucía (11.914), Madrid (10.897) e Comunidade Valenciana (7.773).


TOTAL ESPAÑA

En toda España a natalidade experimentou a súa maior caída dende que empezou a crise económica ao rexistrar unha redución do 6,2 por cento no primeiro semestre de 2013, segundo os datos do Movemento Natural da Poboación do INE, dos que se desprende ademais, unha contracción do 6,1% na mortalidade e un descenso do 3,9% na cifra de matrimonios.

En concreto, entre xaneiro e xuño rexistráronse 210.778 nacementos, fronte aos 224.782 do mesmo período de 2012. Esta cifra xa implicaba unha redución do 2,5 por cento respecto de 2011, cando á súa vez, a natalidade contraérase un 1,4%. En 2010 a caída foi do 4,1 e en 2009, do 4,4 por cento fronte aos 255.062 nacidos entre xaneiro e xuño de 2008.

A redución afecta tamén aos nacementos de nai estranxeira, que no primeiro semestre do ano supuxeron o 18,3% do total, fronte ao 19 por cento que representaban o ano pasado ou ao 20,2 por cento de 2008. En total, naceron 38.664 bebés de mulleres foráneas, fronte aos 51.593 que se contaron nos primeiros seis meses de 2008.


RESULTADOS 2012

Así mesmo, o INE publica este mércores os datos definitivos 2012 de nacementos, defuncións, matrimonios e saldo vexetativo, que reflicten que Galicia rexistrou o ano pasado un total de 21.089 nacementos e 30.871 defuncións, o que supuxo un saldo vexetativo de -9.782.

En canto á cifra de matrimonios, Galicia foi en 2012 a quinta comunidade con maior número (9.505), precedida por Andalucía (29.622), Cataluña (27.358), Madrid (25.200) e Comunidade Valenciana (17.284).

A taxa bruta de natalidade de Galicia situouse o ano pasado en 7,63 nacementos por mil habitantes e a de mortalidade en 11,16 defuncións por mil habitantes, mentres que a de nupcialidade foi de 3,44. Pola súa banda, o indicador conxuntural de fecundidade de Galicia foi de 1,08.

Ademais, segundo os datos do INE, a idade media á maternidade en Galicia foi de 32,15 anos e a do primeiro matrimonio de 32,15. Mentres a esperanza de vida da Comunidade galega se sitúa en 82,29 anos.

Te puede interesar