O lado salvaxe de Hollywood

A historia do maltrato animal no cine e na televisión ten unha historia bastante larga e aínda sen recompilar. Un dos casos máis coñecidos é o de Holocausto Caníbal (1980). Nesta longametraxe de terror ambientada na selva amazónica, a violencia era tan explícita que os responsables do filme acabaron diante dun xuíz para demostrar que as mortes reais eran “só de animais e non de persoas”. En Hollywood, a mesma creación da imaxe icónica da MGM ten o seus clarescuros. Dos cinco leóns utilizados para o seu anuncio, un deles, Jackye, foi levado nunha accidentada xira por Estados Unidos cunha avioneta equipada cunha minigaiola.

Jordan Peele é un dos cineastas máis destacados e inclasificables do panorama da Hollywood actual. Volve á pantalla grande con ¡Nop!, unha película que reflexiona sobre a toxicidade da sociedade do espectáculo. Desde a frase bíblica citada no principio - “E botarei sobre ti inmundicias abominables, e envilecereite, e poñereite como espectáculo” - Peele quere dirixir os focos sobre a natureza explotadora de Hollywood. O seu punto de partida é un rancho situado no interior de California, xestionado polos Haywood, antepasados do xinete afroamericano da célebre serie de fotografías O cabalo en movemento realizadas por Eadweard Muybridge a finais do século XIX. Os Haywood dedícanse a adestrar cabalos para producións audiovisuais. Un día empezan a notar algún fenómeno eléctrico e unha presencia estraña no ceo arredor do parque temático Jupiter Claim. O dono deste último, o actor Ricky “Jupe” Park (Steven Yeun), foi unha das estrelas da serie de comedia Gordy’s Home. No 1998 sobreviviu á furia do chimpancé coprotagonista despois do estalido dun globo no plató. Este último acontecemento, ficcionado, podería ser inspirado na traxedia real de Travis, un actor chimpancé que participou en distintas produción televisivas e cinematográficas e que no 2009 se rebelou contra os seus coidadores desfigurando gravemente a unha persoa. Un caso máis de explotación animal rexistrados en Hollywood ao longo da súa historia.

En ¡Nop!, a mensaxe de Peele en contra do lado animal da industria do entretemento, resulta contundente. Pero fuxe de intelectualismos. Sen medo, o director explora os límites do Blockbuster de verán. Non esquece as cousas boas xa postas en evidencia en Déjame salir (2017) e Nosotros (2019), e utiliza a ironía para aglutinar xéneros dispares, creando un universo propio con poucos elementos decorativos. Na era dos monstros dixitalizados, apréciase a artesanía tradicional empregada para crear a famenta criatura-OVNI. Na primeira parte do filme –que seguramente frustrará a algún espectador– sobresae na súa habilidade de crear suspense e unha atmosfera misteriosa sen grandes artificios. Sen magnilocuencias, ¡Nop! consegue facer tamén unha homenaxe épica á unicidade do cine analóxico fronte ao sensentido da proliferación das imaxes dixitais. Os 34 temas compostos por Michael Abels,son o acompañamento perfecto deste universo minimalista e extravagante, capaz de mesturar, entre outras referencias, o Spielberg dos oitenta, Shyamalan e a iconografía do cine vaqueiro. Definitivamente o último filme de Jordan Peele é un insólito e logrado western de ciencia ficción. Cabalga os límites do entretemento para que o espectador poida de novo gozar da pantalla xigante.

Te puede interesar