Crónicas de agora e sempre

O lugar onde “nasceu” a bossa nova

O interior da “Casa Villarino” está cheo de referencias á época na que Vinicius de Moraes e Tom Jobim asistían ó local.
photo_camera O interior da “Casa Villarino” está cheo de referencias á época na que Vinicius de Moraes e Tom Jobim asistían ó local.
Situada no corazón “garoto” de Río de Janeiro, nas súas bohemias cadeiras Vinicius de Morais e Tom Jobim regaron con whisky os primeiros acordes da nova música brasileira: velaí a “Casa Villarino”, fundada por uns ourensáns de Xinzo de Limia

A alerta ocasional dun vello compañeiro do xornal (“sabes que a “bossa nova” naceu nun bar do avó de Laura?) e unha mirada alternativa a Pelé, que tamén foi compositor musical e ata gravou un disco de “bossa nova”, levoume a querer saber máis sobre aquel ourensán que en 1953 rexentaba un cafe-bar “de fino trato” onde se daban cita intelectuais, diplomáticos, músicos, poetas e xornalistas. Ó final os fundadores eran catro: Luis Villarino, José Ferreiro, Manuel Vázquez e Francisco Sobrado, este último, “o avó de Laura”.

O día 25 de novembro de 2020 unha información de axencias publicada no portal de La Región Internacional daba conta de que, “Casa Villarino”, o refuxio da bohemia brasileira nos anos dourados da “cidade maravilhosa” fundado por emigrantes galegos, pechaba as súas portas a causa da pandemia. 

As estatísticas oficiais da municipalidade de Río concluíron en que ata un 40% de bares e cafés da cidade tiñan cesado a súa actividade. Pero, como ben apuntan as crónicas de moitos medios de comunicación brasileiros de agora e da época, “Casa Villarino” non era un establecemento máis, senón o lugar onde sonaron os primeiros acordes e se forxou un estilo musical que universalizou a música brasileira e que acabaría sendo coñecido como “bossa nova”.

É comunmente aceptado que foi en 1956, a raíz do contacto xurdido neste local e da amizade selada entre o poeta Vinicius de Moraes e o pianista Antonio Carlos Jobim a medida que foron creando a banda sonora da película “Orfeu negro” -Oscar á mellor película en lingua estranxeira en 1960- e que supuxo a orixe da “nova música brasileña”.

Logo virían as alternancias entre “Casa Villarino” e o “Bar Veloso” e o alongamento das estadías do músico e do poeta neste último local a carón da praia de Ipanema, que provocaría o encontro casual de ámbolos dous cos movementos cadenciosos dunha fermosa “garota” que entraba e saía do bar ou camiñaba cara ó icónico areal de Ipanema, para que eclosionaran a letra e a música de “A garota de Ipanema” e para que xa nada volvese ser igual, non só na música, senón tamén na cultura en xeral e na propia sociedade carioca.

O local -é dicir, Casa Villarino- tiña sido fundado tres anos denantes por catro emigrantes galegos que chegaran a Brasil por moi diversos camiños e en diferentes épocas, aínda que dous deles, Luis Villarino Pérez e Francisco Sobrado Villarino o fixeran dende o mesmo lugar de procedencia: a vila de Xinzo de Limia.

Mentres Luis Villarino daba conta da súa voda no Brasil xa en 1928 e en 1935 rexentaba o non menos bohemio e afamado Café Pardellas, Sobrado Villarino non conseguiría o pasaporte ata 1949, tempo suficiente, sen embargo, para formalizaren a integración dos catro na sociedade “Comestiveis Villarino Ltda.”, que, ademais de dedicarse á importación de viños, licores e outros moitos productos de Europa e América, comezaron a ofreceren o servizo de bar e restaurante, actividade, esta, na que lograron a popularidade referida a partir da presenza permanente nel de intelectuais como Vinicius e Jobim, ademais de poetas como Neruda, pintores como Di Cavalcanti, músicos como Ary Barroso, arquitectos como Niemeyer ou xornalistas como Luicio Rangel, todos inmortalizados aínda hoxe nun mural que continúa a ser o verdadeiro emblema do local, que foi reaberto en agosto do 21 polo Servizo Nacional de Aprendizaxe Comercial transformado nun singular proxecto pedagóxico-gastronómico  co nome de “Clube Senac Villarino Bar” manténdose actualmente entre os 14 bares considerados patrimonio cultural de Río.

Os negocios de Luis Villarino e unha noticia que chegaba a Xinzo con un ano de retraso

Luis Villarino co embaixador español Giménez e o doutor Martínez Bordiu.
Luis Villarino co embaixador español Giménez e o doutor Martínez Bordiu.

Dos catro galegos que formaron parte da sociedade  “Casa Villarino”, o máis activo empresialmente foi Luis Villarino Pérez, quen en 1935 xa tiña asumida a xerencia da “Casa Pardellas”, un local fundado en 1905 por Luis Manuel Pardellas e no que comezaron a darse cita membros destacados da política brasileira do momento por mor de que un fillo de Pardellas casara cunha filla do presidente do país, Epitacio Pessoa.

Introducido nese ambiente elitista, Luis Villarino acaba facéndose coa propiedade do local, iniciando así unha xeira societaria que o leva a participar en multitude de negocios, cada vez máis rendibles, a promover a creación dunha inmobiliaria e mesmo en 1962 a adquirir, co seu irmán José e o seu fillo Eugenio, unha pequena entidade denominada Banco Bhering que daría lugar ó Banco Villarino -co seu apelido- e que operaría nos anos 60 no Estado de Guanabara, ata que en abril do 71 foi absorvido polo Banco Brasileiro de Descontos.

Esa profusión empresarial unida á benéfica que desenvolveu no Clube Español e noutras sociedades ligadas á emigración española en Río, fíxoo merecente de, entre outras condecoracións, a comenda da Orde do Mérito do Traballo por parte do goberno brasileiro, en decembro de 1967, así como a Medalla de Mérito Civil por parte do embaixador español en Brasil, José Antonio Giménez Arnau.

A noticia é recollida no momento polos medios brasileiros. Sen embargo, a Ourense non chega ata febreiro de 1969, cando o delegado de La Región na Limia recibe “el número 198 de la revista Hispano-Americana de Brasil” e se fai eco de que, “como antelanos, nos llena de orgullo y satisfacción saber que los gobiernos de España y de Brasil homenajearon a tan preclaro hijo de Ginzo de Limia quien, con su trabajo, honradez y clara visión de los negocios ha sabido alcanzar las cumbres de un prestigio que le sitúa a la cabeza de los grandes hombres de empresa del Brasil”.

Pola súa parte, Francisco Sobrado manteríase ligado á explotación da “Casa Villarino”, sen deixar de man os negocios de importación de produtos que tantos réditos lle tiñan dado.

Luis falecería en 1983 e Francisco en 1989. Ah! Por certo! Que, quen é Laura? Pois Laura Seara Sobrado, para máis señas.

Te puede interesar