Crónicas de agora e sempre

O maquinista dos reis de Portugal

O “comboio real” mantense exposto no Museu Nacional do Ferrocarril, situado na localidade de Entroncamento.
photo_camera O “comboio real” mantense exposto no Museu Nacional do Ferrocarril, situado na localidade de Entroncamento.
Chamábase Venancio Silva e aínda que na parroquia de Loiro aseguran non coñecer referencias familiares súas, en xullo de 1909 o director de “Vida Gallega” afirmaba que, con tan só trece anos, “salió del paterno hogar en busca de la fortuna”

Forma parte da tradición oral que a emigración ourensá en Portugal xurdiu fornecendo as rúas lisboetas de augadores, carboeiros, afiadores e carreteiros. Moitos lograron dar o salto á hostelería e, de contado, á vida comercial ou, naqueles episodios de éxito, mesmo á empresarial. O caso de Venancio Silva non pende, sen embargo, dese marco xeral, por máis que a saída do fogar se producira -coma tantos- á tenra idade de trece anos, pois o seu destino foi o  dos “caminhos de ferro”, onde chegou a ser maquinista  do exclusivo “comboio” real.

A actualidade dos trens de vía estreita que comunican Galicia co País Vasco a través de Asturias e Cantabria e que ó seren mal medidos seica non ían coller polos túneles que deberían cruzar cando fosen postos ó servizo do transporte, tróuxome á memoria a figura deste ourensán, do que non nai moitos datos biográficos publicados, pero os poucos que hai retratan a un home humilde, responsable e traballador tenaz, valores que se repiten na maioría dos casos que teñen protgonizado esta galería. 

Como xa foi apuntado, chamábase o personaxe Venancio Silva e segundo afirma o presidente da Asociación Veciñal de Loiro, Manuel Fernández, el non só non ten logrado dar con ningunha documentación rexistral que posicione o seu nacemento na parroquia de Loiro, senón que tampouco é común o apelido Silva pola revolta.

Esta afirmación contrasta, sen embargo -pero non se fai incompatible con ela-, coa que deixou escrita o director da revista “Vida Gallega”, Jaime Solá, no mes de xullo de 1909, logo dunha das súas viaxes -neste caso a Lisboa- e  nas que tanta información recollía e daba a coñecer sobre a nosa diáspora repartida polo mundo.

Segundo relata o xornalista vigués, o feito de que non fose habitual que os emigrantes galegos centrasen a súa actividade profesional na mecánica foi o  que reclamou “nuestra atención sobre una de las personas de quienes puede enorgullecerse la colonia gallega en Lisboa”.

Subliñando que, mentres a gran maioría dos galegos-lisboetas -loxicamente, de entre os que destacaban na cidade metropolitana, que eran os que espertaban o seu interese informativo- “llegaron a poseer excelentes restaurants”, Venancio Silva “llegó a desempeñar la jefatura de maquinistas de la Compañía Real de los ferrocarriles portugueses”.

Un Venancio que contaba daquela (xullo de 1909) con 41 anos de idade e que, probablemente non sen ter probado antes outros traballos aínda máis ingratos, “ingresó como aprendiz en el taller de máquinas de la Compañía” para aprender o oficio de fogoneiro.

Non tardaría máis de 14 anos en escalar “por oposición” a maquinista “de tercera, segunda y primera clase”, ata chegar a xefe de maquinistas e presentarlle “servicios importantes” á Compañía, “interviniendo con general aplauso en todos los asuntos técnicos, regularizando la velocidad de los trenes, examinando puentes y túneles y conduciendo la máquina de los trenes reales o personajes de alto coturno”.

Solá non escatima eloxios cara o ourensán e indica que “la condición de extranjero y por más señas gallego, fue causa de conquistar crecido número de envidiosos amigos, a los cuales venció con su sobriedad, talento, pericia y recta administración de los asuntos que debe regir por la categoría de su empleo”.

Velaí -afirma fachendoso o xornalista de “Vida Gallega” na crónica de 1909- “como, por la inteligencia y el esfuerzo, un gallego (de Ourense, engadiría eu) ha logrado dirigir los trenes en que viajan los Reyes de Portugal”.

Informante da prensa española en Badajoz cando se instaurou a república en Portugal

O día do rexicidio (que tivo lugar o 1 de febreiro de 1908, acabaría derivando na declaración da I República e provocando, un ano e medio despois, un cambio radical na historia de Portugal), quen sabe se Venancio formou parte do “staff” ferroviario que devolveu no “comboio real” a Lisboa, ó rei Carlos, á raíña Amelia e ós dous fillos, Luis Filipe e Manuel, dende o pazo ducal de Vila Viçosa (Alentejo) a onde a familia real acostumaba a viaxar con frecuencia.

Como responsable que era do equipo de maquinistas do tren que o monarca utilizaba para uso exclusivo, é moi posible que alí estivese, o que de forma indirecta o situaría nun punto estratéxico e nun momento transcendental da historia de Portugal.

Falecidos, o propio rei e o primoxénito na liña de sucesión, durante un ano mantívose á fronte do país o segundo fillo, Manuel, ata que o día 5 de outubro de 1910 a sublevación dun milleiro de militares en Lisboa provocou a fuxida do mozo-monarca e da súa nai e a instauración da república como forma de goberno en Portugal.

Para aquela, a locomotora que turraba do “comboio” da familia real e que fora considerada unha das máis rápidas locomotoras do mundo, xa deixara de facer servizos exclusivos para Manuel II,  pero Venancio continuou fiel ó seu traballo de maquinista cubrindo a liña regular que comunicaba Lisboa con Badajoz.

Así, o 8 de outubro de 1910, tres días despois dos sucesos revolucionarios de Lisboa, un xornalista do ABC ten a oportunidade de falar con el en Badajoz, quen lle dá reporte do que acontecía na capital do país naqueles días.

“El maquinista Venancio Silva, que acaba de llegar a Badajoz -escribe o xornalista do diario madrileño- me ha hecho un relato muy completo de los sangrientos acontecimientos de Lisboa, del cual telegrafío los siguientes detalles, que me parecen nuevos y de cuya autenticidad respondo”.

Seguro que, como bo ourensán, Venancio deixou sen contar a súa relación laboral coa familia real -que non pasaba polos mellores momentos-, pero debeu ser o suficientemente convincente como para que o xornalista avalase coa súa sinatura a autenticidade do relato dun Venancio ó que aquí se lle perde a pista, á espera de que alguén -de Loiro ou doutro lugar- nos ilumine con novos datos.

Te puede interesar