De Melón ó cumio da arte portuguesa

“Vasco da Gama en Calcuta” (1898) está na Sociedade de Xeografía de Lisboa.
photo_camera “Vasco da Gama en Calcuta” (1898) está na Sociedade de Xeografía de Lisboa.
Cando tan só era un neno, seus pais enviárono a Lisboa para ofrecerlle un futuro alleo á dura vida labrega e de subistencia. Respondía ó nome de José María e aínda que en Ourense non o saibamos, Veloso Salgado ven a ser o “Sorolla” de Portugal

A nada que un esculque con certo tino na rede atopará abondosa información sobre a súa vida e a súa magnífica obra, e en tódolos sitios lerá que naceu en “Santa María de Melón (Ourense)”. Con só dez anos (1874) foi enviado por seus pais a Lisboa para que aprendese o oficio de tipógrafo na imprenta dun seu tío. Alí descubriu o amor pola pintura e alí iniciou unha longa carreira como naturalista, paisaxista, retratista e mestre na Academia de Belas Artes, que aínda hoxe o mantén por dereito propio no podio da historia da arte en Portugal.

Miguel Salgado e Dolores Veloso formaban un humilde casal labrego -coma tantos- das terras altas e de transición do Ribeiro á Paradanta, alá polos mediados do século XIX. Lisboa semellaba daquela, para os ourensáns próximos á raia e para as xentes da Cañiza, a gran metrópole e a terra de oportunidades que aínda non representaba, nin representaría nunca, Madrid.

Así llelo debeu facer saber con insistencia o irmán de Dolores, Miguel -mestre tipógrafo xa, na “Litografía Lemos”-, para convencer ó matrimonio e ser quen de levar con el ó neno, co fin de que forxase alí un futuro profesional que as aforadas leiras montesías e cenobíticas de Santa María de Melón posiblemente xamais lle ofrecerían.

Estamos no ano 1874 e o pequeno José María, alleo ó marabilloso quicio da porta cara a nova vida que seu tío lle ía facer cruzar, termou da súa man e expectante e temeroso, morriñoso e silandeiro, non fixo máis ca deixarse ir.

Lisboa recibiuno en pleno proceso de adaptación da cidade a un modernismo do que el ía formar parte e que se vía representado, entre outras moitas obras, na construcción do elevador de Santa Justa que tantas veces utilizaría para, dende o Chiado, achegarse á Baixa pombalina e viceversa.

No Chiado estaba o local da litografía de seu tío e xusto a carón a Academia de Belas Artes, na que acaba matriculándose con 17 anos, logo de ter coñecido os principios do deseño litográfico pola vía da práctica laboral, iniciándo así unha relación con esa escola que mantería ó longo de toda a vida.

E se a decisión de seus pais e seu tío foi providencial, tan milagreiro foi o encontro na academia co pintor e profesor José Ferreira Chaves, quen exercería de formador, protector e mesmo finalmente proveedor da acaudalada herdanza da que puido gozar, ó casar coa súa afillada Vitorina da Silva Melo.

Denantes do matrimonio e unha vez conseguida a licenciatura, nacionalizado portugués e cos apelidos paternos mudados de orde, Veloso Salgado gaña unha bolsa de formación e ampliación de estudos do goberno portugués no estranxeiro e inicia un periplo europeo que o leva primeiro a París, logo a Florencia, Roma e Nápoles, ademais dunha breve estadía na bretaña francesa, onde convive con algúns dos innovadores da pintura do momento, coñece a obra dos clásicos e afonda no naturalismo, a paisaxe e o retrato para regresar a Lisboa en 1895 co fin de facerse cargo da cátedra de Pintura Histórica na mesma academia na que recibira a formación.

Un acceso na academia que non estaría exento de polémica -probablemente pola súa condición de non nacido en Portugal-, pero que, xa casado coa afillada de Ferreira Chaves, concedeulle a estabilidade económica suficiente como para poder acometer proxectos pictóricos de gran calado artístico e en privilexiadas ubicacións que o consolidaron tamén coma un excelente muralista e xunguiron o seu nome a edificios tan senlleiros coma a propia Asembleia da República, a Cámara Municipal, o Museo militar, a Escola de Medicina, a Sociedade Xeográfica, o Teatro Politeama ou a Sinagoga, todos eles en  Lisboa, ou mesmo o Palacio da Bolsa ou a Facultade de Ciencias da Universidade, ámbalas dúas en  Oporto.

Contánse por ducias as exposicións, tanto en Portugal coma en Europa, nas que participou e mesmo nas que chegou a perder algunha das súas máis destacadas obras, como aconteceu  cun cadro simbolista de “Jesús” que, xunto con outras, afundiron no naufraxio do vapor Santo André ó regresar da parisina Exposición Universal de 1900.

Veloso Salgado e Vitorina da Silva tiveron dous fillos, Miguel e Adelina e unha soa neta -filla de Miguel-, María da Conceição Veloso Salgado.

Recoñecido en 1894 co hábito da Ordem de Santiago e iniciado na masonería en 1898, aquel neno de Melón fascinado polas cores e as formas en tódalas súas dimensións, faleceu en 1945 e está soterrado no cemiterio lisboeta de Prazeres, manténdose aínda hoxe considerado polos especialistas “o pintor da historia de Portugal”.

Un legado artístico que custodia o lisboeta Museo de Arte Contemporánea do Chiado

Alén das súas viaxes esporádicas por Europa (en España só documentei unha estadía na  Exposición Internacional de Barcelona de 1929, a derradeira na que participou), Veloso Salgado repartiu a súa vida familiar entre Lisboa e Colares (Sintra), onde residiu tamén a súa única neta e herdeira, María Conceição, quen se encargou da custodia da obra do seu avó ata o ano 2014 cando, ós 84 anos, faleceu, deixando como herdeiro único de todo o seu “espólio artístico” e o resto dos seus bens ó Estado portugués.

A abondosa obra que aínda formaba parte do legado familiar recibido por María Conceição e entre a que non só había cadros de Veloso Salgado, senón tamén do seu mentor artístico e protector, Ferreira Chaves, e doutros autores contemporáneos, pasou a formar parte da colección do Museo Nacional de Arte Contemporánea do Chiado, a carón de onde está a Academia de Belas Artes na que Veloso Salgado se formou e tamén na que axudou a formar a xeracións de pintores de Portugal ó longo dos preto de 40 anos nos que exerceu a docencia nese lugar.

Un legado que foi dado a coñecer no ano 2018, catro anos despois da morte de María Conceição e que non estivo exento dalgunhas vicisitudes coma o roubo do que foron obxecto unha vitena de obras furtadas da residencia da neta de Veloso e entre as que había dezaseis que eran da autoría propia do autor ourensán.

O roubo tivo lugar no ano 2006 e a nota da policía xudiciaria de Lisboa, do 11 de decembro de 2008 -cando foron recuperadas- resulta explícita ó sinalar que con esa data “conseguimos recuperar un conxunto de 21 cadros de algúns dos máis consagrdos pintores contemporáneos que foran furtados en 2006 da residencua dun particular”.

“Dese conxunto de obras -continúa a información- destácanse 16 que son da autoría de Veloso Salgado, distinguido profesor de pintura da Academia de Belas Artes de Lisboa e un dos máximos espoñentes do naturalismo portugués”.

A casa de Lisboa onde foron roubados os cadros conserva unha placa que recorda a Veloso Salgado, e Lisboa e Oporto dúas rúas que tamén dan fe da existencia deste neno de Melón, malicio que inxustamente esquecido en Ourense.

Te puede interesar