CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Nieves Fariza e as “viúvas da vía”

En 2008 quixeron poñerlle o nome de Nieves Fariza a un xardín da cidade, pero lle fora asignado o de Antón Tovar.
photo_camera En 2008 quixeron poñerlle o nome de Nieves Fariza a un xardín da cidade, pero lle fora asignado o de Antón Tovar.
Malia que non naceu en Ourense, senón de forma circunstancial en Cambados, a súa vida está intimamente ligada á nosa provincia e dun xeito especial á capital, onde montou o seu “cuartel xeral” para loitar contra o Estado e conseguilo dobregar

Segundo apunta Rafael Cid, “merecería ser incluída no pequeno grupo de mulleres galegas que, en tempos moi distintos aos actuais, lles roubaron aos homes o papel de líderes sociais que estes reservaban en exclusividade para eles”. E non lle falta razón ó xornalista de Verín, quen mellor estudou “o mal da vía”, aquel que tanta morte espallou entre os “carrilanos” do ferrocarril Zamora-Ourense, pois cando o seu home morreu dese mal, xurou que o Estado había sufragalos pola enfermidade contraída. E vaia se o conseguiu!

Dende hai meses tiña arquivada na memoria unha suxestión do coralista de “De Ruada”, Emilio Portabales, quen me mentou a Nieves Fariza e me dixo que era posuidora de tódolos merecementos para formar parte desta galería.

E, ó igual que non lle faltou razón a Rafael Cid cando en 2005 lle dedicou un capítulo do traballo “Carrilanos, os túneles dun tempo”, tampouco o comentario de Emilio estaba falto de argumentos, xa que logo, ó afondar na súa traxectoria, aflorou diante miña unha muller singular que nos anos do poder total do Estado fronte ó individuo foi quen de loitar polos dereitos dos obreiros case escravizados nos traballos insalubres da construcción da vía férrea pola provincia de Ourense.

Unha muller que, sen máis armas ca unha vontade aínda máis férrea cós carrís da vía e a inviolable lei da razón no bolso, logrou  que o todopoderoso Estado recoñecese, non só os dereitos de pensión do seu home, senón os de todos aqueles que faleceron polo que eufemisticamente era chamado “o mal da vía”, pero que non era senón a mortífera silicose contraída na lóbrega escuridade dos túneles do Macizo Central ourensán.

Agora, cando estamos na véspera do “Día da muller”, quen mellor para representar esa icona feminina ca esta mestra nacida en 1911 en Cambados -seu pai era sarxento da Garda Civil- e que en 1933 comeza a exercer o maxisterio ó amparo da República, coa apertura dunha academia na Estrada que titulou “Escuela moderna” e doutra ó ano seguinte en Guimarei, como preludio do acceso á escola pública en Ourense.

Este ten lugar na aldea arraiana de Xacebáns (Quintela de Leirado), onde fai declaración formal do seu laicismo, ó negárselle ó cura a impartir clases de relixión, o que lle xeraría os primeiros problemas serios -inicialmente cos falanxistas e logo co réxime que había vir despois- e que non só a obrigaron a agocharse en diferentes faiados da Estrada, senón que -xa en 1940- acabaron por sancionala coa “suspensión de empleo y sueldo durante dos años, traslado forzoso fuera de la provincia, con prohibición de solicitar cargos vacantes durante un periodo de 5 años...”

O desterro lévaa a Solduengo, un pequeno pobo de Burgos, onde nace o seu  terceiro fillo, José Emilio (denantes xa tivera a María Elisa e Carlos), ata que en decembro de 1943 lle permiten elixir novo destino e retornar a Ourense.

Co marido traballando na construcción da vía nos tramos da Gudiña, Nieves procura destino polas terras de Monterrei, recalando na aldea de Arcucelos (Laza). Pero chega o ano fatídico de 1947, cando enviúva e descobre que a empresa non tiña cotizado ningún seguro por el.

Entón, xura que “tódalas viúvas dos mortos polas obras do ferrocarril cobrarán pensión por eles” e para elo matricúlase en Dereito en Santiago, acadando o título de Graduado Social en 1953. No medio consegue que os traballadores cobren o desprazamento da casa ó lugar de traballo -30 céntimos por quilómetro-, así como un primeiro recoñecemento de pensión a oito viúvas coma ela.

Con lentes, na voda de José Emilio e co avogado Cóleman á súa esquerda.
Con lentes, na voda de José Emilio e co avogado Cóleman á súa esquerda.


Tal foi a fortaleza amosada por Nieves Fariza contra a empresa “MZOV” e os logros legais conseguidos a favor dos traballadores, que os empresarios aproveitaron que aínda estaba cursando a carreira para denunciala por exercer “como avogada laboralista” sen posuír o título, o que a levou ó cárcere.

A raíz de aí, o futuro de Nieves experimentou un xiro radical gracias á aparición na sua vida do único avogado ourensán que aceptou defendela e que ademais logrou liberala, Luís Pérez Cóleman.

Fillo do avogado do mesmo nome e neto do prestixioso empresario Pérez Bobo, Pérez Cóleman non só consegue a súa absolución, senón que, malia a connivencia mantida co réxime -fora xefe provincial do Frente de Juventudes-, acorda abrir con Nieves un consultorio socio-laboral que denominaron “Adelante” seguindo a máxima que Fariza Alonso tivo sempre  como lema vital cando as cousas se lle puñan crúas: “Adiante..., sempre adiante!”

Aínda sen abandonar a súa relación co mestrado -entre os anos 50 e 60 aparece como titular en Domecelle (San Xoán de Río), Corbelle (Bande) ou Acibeiro (Forcarey)- cada vez lle dedica máis tempo á actividade laboralista, percorrendo as feiras da provincia e localizando enfermos do “mal da vía” ou familiares destes enfermos que permitisen o seu desenterro e demostrar así a morte por silicose, o que lle outorga un prestixio inusual e mesmo o alcume pouco apropiado de “a desenterramortos”.

Para esas xa non estaba tan soa, pois tanto María Elisa -a maior- como Carlos e José Emilio logran os tres a diplomatura de Graduado Social e o consultorio ourensán “Adelante” espallouse ata a conca mineira leonesa e asturiana, abrindo oficinas en Ponferrada, León, Oviedo e incluso en Madrid, polo que acaba sendo coñecida como “La Pasionaria blanca”.

María Elisa queda á fronte da oficina ourensá -aínda que despois a trasladaría para Vigo-, Carlos instálase en León, onde aínda hoxe os fillos teñen consultora aberta, e José Emilio asenta en Oviedo, onde acaba sendo un referente non só profesional -a escola de prácticas leva o seu nome-, senón tamén social e deportivo, como presidente do Club Balonmano Naranco.

Nieves faleceu en Vigo en 1975 e os seus tres fillos xa tampouco viven, aínda que deixaron unha ampla prole relacionada coa semente laboralista espallada pola avoa.

Te puede interesar