A nova novela de Ledicia Costas repite Vigo como escenario

A escritora Ledicia Costas
photo_camera A escritora Ledicia Costas

“Golpes de luz”, un relato a tres voces con moito humor chegará ás librarías en novembro. A segunda parte de “Infamia”, o seu debut para o lector adulto, aínda terá que esperar

A escritora de Beade Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, xa ten pronta unha nova proposta literaria para lectores adultos: “Golpes de luz” chegará ás librarías en novembro nas edicións en galego e en castelán de xeito simultáneo. Con “Infamia” (Xerais, 2019), o seu debut no xénero, Ledicia Costas superou tódalas previsións que tiña e converteuse nunha das escritoras galegas máis leídas tamén nesta franxa de idade. “Eu non sabía que ía suceder con ‘Infamia’; supuña un reto para min, sen grandes expectativas, e o que aconteceu foi marabilloso, aos 12 días houbo que reimprimir”, afirmou a autora.

Se “Infamia” é unha novela psicolóxica, de suspense e con toques de xénero negro, “Golpes de luz” é, en palabras de Costas, “todo o contrario”. Afirma que “ten moito humor, é de vidas, é poliédrica, escrita dende tres puntos de vista, o dunha avoa de 80 anos, o dunha muller que xa pasou dos 40 e un neno de 10; foi outro reto para min porque é algo completamente diferente ao que veño facendo, estou con moita de gana de ver como é recibida pola xente". 

Leva un ano inmersa neste novo proxecto que tamén estará localizado na súa cidade natal, onde chega unha muller co fillo dende Madrid trala separación do home, involúcrase nunha trama onde non faltará as alusións ao narcotráfico. “Non se menciona Vigo, pero outra vez aparecen reflexadas zonas do rural vigués, Valadares ou de novo Beade; son lugares que coñezo moi ben, gústame escribir sobre eles, son localizacións que me encantan porque me criei aí e cos que teño unha forte conexión”.

O final aberto de “Infamia” xerou que os lectores demandasen unha segunda parte ao pouco de saír e que lla segan reclamando á autora. Porén terá que agardar, tal e como ela mesma recoñece: “Eu sabía que tería que voltar a Merlo (nome que oculta a Beade) e continuar coa historia, pero coa pandemia non me sentín preparada psicoloxicamente; foi moi duro escribir ‘Infamia’, sufrín moito e con todo o que nos está a acontecer este ano, non podía plantexarme pasalo mal tamén no traballo; queda para outro momento”.

“Aos nenos hai que falarlles de cousas importantes”

Cos “Minimortos”, a súa última aposta en literatura infantil, segue a liña iniciada con Escarlatina de abordar o tema da morte cos nenos. Como foi recibido?

O punto de partida de “Minimortos” foi precisamente Escarlatina, quixen baixar o rango de idade. O primeiro está dirixido a rapazada de 10 e 11 anos e a nova colección escribina para lectores a partir de 6 e 7 anos. Outra vez foi unha sorpresa a boa acollida que lle deron ao tema da morte, con naturalidade e humor. Son para divertirse e pasalo ben. Hai xente que lle impresiona, porque é un tema contundente. Pero aos nenos hai que falarlles de cousas importantes. É fundamental non tratalos como tontos.

Sempre se fala da Movida viguesa coa confluencia de moitos grupos musicais, cre que existe unha movida viguesa literaria?

Dase esa circunstancia de que somos un grupo de escritores en Vigo, quero pensar que é unha coincidencia. Sería excesivamente romántico que fora por situarse en Vigo, eu quero a miña cidade, pero non ten que ver. Algúns nacimos aquí, outros, aos que consideramos tamén vigueses, sono de adopción; é normal nunha lugar con case 300.000 habitantes. É bonito que esto suceda, porque ademáis cada un tratamos rexistros diferentes.

A boa relación que hai no gremio, inflúe a nivel creativo?

Sen dúbida. Participamos nun relato colectivo por entregas que tiven a sorte de comezar. É fermosísimo ver as derivas que vai collendo unha historia que eu imaxinei nun principio.

“Sinto que os temas me atropelan, me sobrepasan”

Licenciada en Dereito, a súa vocación sempre foi a literatura. Publicou o seu primeiro libro no 2000 “Unha estrela no vento”, un relato que tiña escrito de adolescente. Obtivo varios premios, pero punto de inflexión chegou en 2015 con “Escarlatina a pequena defunta”, que lle valeu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil; un ano despois, o libro era incluído na lista de honor del Ibby. Dende entón non deixou de escribir, nen sequera en agosto, tal e como ela mesma admitíu: “Este é un mes moi tranquilo, case tódalas editoriais marchan de vacacións, case non recibo correos e as chamadas xustas; é un oasis, un bálsamo que podo aprovechar para escribir”.

Para traballar cando todos están de descanso. Hai que ter moita disciplina?

Eu son desordeada en case todas cuestións da miña vida, agás no relacionado con escribir. Marco un horario e o respecto. Ao traballar en casa teño que ser disciplinada ou non cumpliría os plazos de entrega. É tamén o que ten ser a miña propia xefa.

E en que proxectos investíu o seu verán?

Á comezos rematei un novo libro de “Minimortos”, é unha nova colección que xa vai pola terceira entrega e que pronto, á volta do outono, sairá o cuarto título. Estoume a divertir moito coa documentación da terceira entrega da señorita Bubble, a primeira foi en Galicia, a segunda en Laponia e esta vai ser en Londres. Amais da edición en galego e en castelán de “Golpes de luz” e iniciei un caderno de poemas. Levaba moi tempo centrada na narrativa e tiña moita ilusión. A orquestra Vigo 430 convidoume nun concerto homenaxe a recitar uns poemas de Xela Arias. Decateime de como me gusta ler e escribir poesía e aproveitei para despegar.

Como logra compaxinar xéneros tan diferentes con cadanseu enfoque?

Son enfoques distintos, xeitos de traballo diferentes. Estiven centrada na literatura infantil e xuvenil, preciso deixar esa zona de confort; escribir poesía axúdame. Estou entusiasmada, o corpo ás veces pide un cambio de ritmo.

Quédalle algún xénero por abordar?

Teño varios pendentes, pero aos que lle teño moito respecto como o teatro, nunca me atrevín a escribir unha obra, non domino o medio. Tamén o ensaio, paréceme moi valente escribir unha obra divulgativa. Non me atrevo, pero sempre deixo unha porta aberta.

Pero xa ten un tema do que escribir?

Non teño tema, pero hai tantas cousas das me gustaría escribir. Sinto que os temas me atropelan, que sobrepasan. Convivo coa sensación de que non teño tempo sufienciente para escribilos.

Te puede interesar