O centro Ramón Piñeiro presentou en Santiago de Compostela 'Rosalía na cobiza do lonxe'

Un novo libro rende tributo á obra de Rosalía de Castro

Valentín García e Manuel González, na presnetación do libro. (Foto: CONCHI PAZ)
O secretario xeral de Política, Valentín García, presidiu onte a presentación na biblioteca Ánxel Casal de Santiago dunha nova edición dos cadernos do Centro Ramón Piñeiro baixo o título 'Rosalía na cobiza do lonxe'.
O libro foi publicado no 150 aniversario da publicación da súa obra 'Cantares Gallegos, e ofrece un achegamento ao seu traballo a través dos artigos de diversos escritores e investigadores. Os coordinadores da publicación son Luis Cochón, Luis Alonso e Lorena Domínguez -aínda que esta última non puido estar presente na presentación-, os que sinalaron que este traballo serve para 'constatar que a influencia de Rosalía foi de grande importancia'.

No libro participaron diferentes colaboradores e investigadores, que ofreceron de forma desinteresada os seus traballos sobre a autora galega. Trece artigos que ofrecen distintas panorámicas sobre Rosalía de Castro, constituíndo unha obra na que 'destaca a diversidade' e 'o carácter misceláneo', comentou Alonso. O escritor Armando Requeixo indicou que o valor de libro se xustifica en tres cuestións. Así, indicou que primeiro 'reúne un conxunto complementario xentes (profesores galegos e foráneos, teólogos, narradores, poetas, investigadores, filólogos,...)' que dan pluralidade e, en segundo lugar, pola 'variedade' de colaboradores que interveñen supoñen unha 'carreira de relevos interxeracional'. Finalmente, sinalou que ofrecen achegamentos moi diversos cos que se aborda distintas facetas sobre a obra de Rosalía.

Durante a presentación do libro, fixéronse amplas referencias a vida e a obra de Rosalía de Castro. O volume é unha 'homenaxe do centro Ramón Piñeiro á muller máis grande', subliñou o coordinador científico do centro, Manuel González. Así mesmo, o escritor e profesor Luis Cochón, coordinador deste proxecto, ofreceu aos asistentes á presentación unha breve lectura duns parágrafos do libro, nos que se facía referencia á figura de Rosalía. Esta obra é unha 'homenaxe sinxela, mesmo humilde', indicou González, na que se recolle a 'visión dun puñado de investigadores rosalianos', engadiu.

Te puede interesar
Más en Sociedad