CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Picasso e a nena dos pés descalzos

Aínda que só forma parte da súa biografía en notas a pé de páxina, o caso é que a primeira muller que espertou os folgos artísticos de Picasso foi unha nena ourensá-coruñesa, nacida en Vigo, que o pintor retratou melancólica e cos pés espidos

A presentación do “Ano de Picasso”, que durante 2023 presidirá a vida cultural española co gallo do seu 50 cabodano, xunto coas últimas veleidades reivindicativas protagonizadas por grupos de ecoloxistas de distintas partes do mundo contra varias obras da arte universal (entre elas, un “Picasso” en Australia), fíxome lembrar a coñecida relación iniciática que o pintor malagueño tivo con Galicia e, dun xeito especial, a non tan manida relación cunha “muchacha” nacida en Vigo, residente na Coruña e filla dun eximio avogado ourensán.
Dende que, no ano 2015, A Coruña acolleu unha gran exposición sobre a relación que Pablo Picasso mantivo coa cidade herculina no final da súa infancia e no comezo da adolescencia -entre 1891 e 1895-, nos que abrollou a súa insólita precocidade artística, Galicia descubriu de forma mediática esa parte de alma galega que, a dicir do propio Picasso (“La Coruña es la ciudad en la que se despertaron mis sentidos y eso es algo que ni el tiempo ni la distancia pueden borrar”) nunca esqueceu ó longo da súa extensa, excentrica e por veces explosiva traxectoria vital.

Ó fío desa popularización (malia que dende 2002 o pintor xa contaba cun pequeno museo na casa na que habitou), tamén cobrou protagonismo unha obra que compuxo denantes de abandonar A Coruña e que constitúe a principal demostración do prematuro e prodixioso virtuosismo plástico do que era capaz aquel rapaz de 14 anos, reproducindo a figura serea dunha nena da súa idade, sentada, nostálxica e cos pés espidos fronte ó autor.

“La muchacha de los pies descalzos” foi o título que lle concedeu a tal composición e, por máis que hoxe forme parte da colección picassiana no Museo Picasso de París, a personalidade da xove modelo constituíu durante un tempo unha incógnita, ata que, gracias ós apuntamentos que o pintor deixou escritos en varias notas e marxes de libros e cadernos sinalando a unha tal “Ángeles”, a rumoroloxía dos investigadores comezou a asociar esta figura á de Ángeles Méndez Gil, “su primer amor coruñés”, tal e como describe o promotor do Museo-Casa Natal de Picasso en Málaga Josep Palau iFabre no libro “Picasso Vivo”, onde se refire a “una joven que frecuentaba el Instituto Eusebio da Guarda”, no que estudaba o emerxente pintor.

Pero, quen era aquela nena cos cabelos desaliñados e cos pés nus que espertou tanto interese, non só estético senón tamén platónico, nun neno cos instintos primarios asomando á pubertade?

Pois ben, malia ó aparente desaliño do retrato, Ángeles era a segunda dos catro fillos xurdidos do matrimonio formado polo recoñecido avogado ourensán (nacido no Couto Mixto, con casa familiar en Celanova e asentado -recentemente, daquela- na Coruña) Eduardo Méndez Brandón e a tamén ourensá, Filomena Gil de Acuña. Matrimonio que non debeu ver con bos ollos a relación da súa filla co inquedo e adiantado aprendiz de pintor, razón pola que -segundo Palau iFabre- “decidieron enviarla a estudiar a Pamplona”, o que explicaría por que, mentres a súa irmá Carmen Teresa aparece rexistrada en 1892 entre as privilexiadas primeiras alumnas do instituto -que abre as súas portas en 1890- con premios extraordinarios nas notas conseguidas, ela, sen embargo, non quedase rexistrada nos arquivos do centro.

É preciso dicir, para contextualizar a relación, que o cadro foi pintado en 1895, ano no que a familia Ruiz Picaso abandona A Coruña ó conseguir o pai de Pablo o traslado para a escola de arte de Barcelona.

Para contextualizar a relación e para preguntarse que quedou dela ou se houbo algún intento futuro de aproximación, xa que, segundo indica Rocío San Claudio, “cuatro años después de su instalación en Barcelona volvemos a encontrar el nombre de la muchacha en uno de sus cuadernos de dibujo, lo que nos hace suponer que no la olvidó tan fácilmente y que tal vez fue ese su primer desengaño amoroso”.

Nun principio todo apunta a que non se deu, pois os mundos nos que os dous se fixeron adultos, ademais de distantes volvéronse diverxentes, xa que mentres o pintor subía -primeiro en Barcelona e logo en París- ó vagón da montaña rusa do éxito e do fracaso, da felicidade e da traxedia, da bohemia e dos baixos fondos, a modelo establecíase na plácida vida burguesa da Coruña ó casar co doutor Galo García Baquero y Sáinz de Vicuña e integrarse no colectivo de mulleres benefactoras de cada causa que as precisase na cidade herculina.

Modesto Méndez Brandón, aquel egrexio avogado con casa petrucia no Couto Mixto

Coñecida a imaxe picassiana de Ángeles e bocetado, con trazos minimalistas, o seu perfil biográfico, vexamos agora quen foi o ourensán Modesto Méndez Brandón.

Sobriño do famoso xuíz do Couto Mixto Daniel Modesto Brandón e membro dunha familia de avogados, xuristas, políticos e incluso algún barítono con casa troncal en Celanova; igual que logo farían os seus irmáns Emilio, Daniel e Castor, estudou Dereito en Madrid, estudos que aparcou ó presentarse ás eleccións constituíntes de 1873 polo distrito de Celanova no partido de Emilio Castelar, representación que só mantivo durante sete meses, o tempo no que o xeneral Pavía tardou en entrar no Congreso e acabar coa Primeira República.

Retomada e rematada a carrreira e xa casado con Filomena, en 1879 instáláse en Vigo, cidade na que nacen María Teresa e Ángeles e na que exerce primeiro como xuíz municipal e logo como xuíz de primeira instancia, realizando durante toda a década varios intentos de promoción dentro do servizo de Contribucións do Ministerio de Hacienda, que o trasladan finalmente á Coruña onde, en 1890, decide abandonar a vida funcionarial e abrir un bufete que en dous anos o coloca no decano do colexio profesional e logo na vicepresidencia da Deputación, dende onde forxa un respetable prestixio na cidade herculina.

“Con la muerte de Méndez Brandón -di El Pueblo Gallego nun obituario do 5 de agosto de 1927- pierde La Coruña un venerable patricio que en su cuerpo de anciano, pulcro y correcto, encerraba un alma juvenil”. Unha alma na que disque aniñaba “el último representante en La Coruña de la política romántica de la España del siglo XIX”.

Ademais de Teresa e Ángeles, o matrimonio tivo outros dous fillos, o máis novo dos cales, José María, foi continuador dos pasos de seu pai e non só logrou ser deputado pola Ceda nas eleccións de 1933, senón tamén ostentou o decanato do colexio de avogados da Coruña.

A familia nunca deixou de volver a Celanova, onde as súas fillas aproveitaban para realizar excursións polos arredores da vila, tal como recolle “El Noticiero” de Vigo o 18 de outubro de 1906: “Hoy, acompañada de varias señoritas de esta villa, ha ido de excursión a la Casa de la Nieve la distinguida señorita Ángeles Méndez Gil, desde donde, con anteojos de larga vista pudieron ver, entre otros lugares, Carballino y la ciudad de Orense”.

Te puede interesar