Na procura do rei perdido

Stephen Frears empezou a dedicarse ao cinema o día que se atopou cunha cámara na man e gustoulle. “Foi unha cuestión de sorte. Deime conta que facendo isto, todo na miña vida lograba ter un sentido”, declarou hai anos nunha conferencia. Podemos dicir que a súa vocación naceu case por un azar, nun instante case insignificante que o cambiou todo. O cineasta inglés ten agora 81 anos e unha filmografía moi ampla. Algunhas das súas obras non chegaron a contentar plenamente a opinión da crítica pero case sempre tiveron a aprobación do público. Películas como Las amistades peligrosas (1988), Café irlandés (1993), Alta fidelidad (2000), Negocios ocultos (2002) ou The Queen (2006) quedaron no recordo de moitos espectadores.

Frears autodefínese un amateur que, grazas a perseveranza, chegou a converterse nun mestre artesán. Pero é indubidable que soubo contar moi ben a contemporaneidade, na maioría dos casos filtradas pola literatura e o humor, e sempre cunha mirada cara aos “loosers”. Stephen Frears é un perfecto exemplo de “cronista camaleónico”, como o define moi ben Javier Hernández Ruiz no monográfico sobre o cineasta británico. E a súa última longametraxe, The Lost King, segue na mesma liña. Ten todos os ingredientes que se poden atopar nos seus filmes anteriores cun engadido toque de fantasía e por suposto un absoluto control do oficio do cinema.

O argumento de The Lost King básase en feitos reais. En 2012, despois de estar máis de 500 anos perdidos, os restos de Ricardo III de Inglaterra foron descubertos baixo un aparcadoiro de Leicester, a cidade natal do cineasta. A verdadeira responsable e impulsora das excavacións foi a historiadora amateur Philippa Langley, que tivo que loitar coa incomprensión da súa familia e co escepticismo dos expertos para dar á luz aos ósos do rei desvanecido.

Frears emprega unha representación da obra de Shakespeare -a cal acude a protagonista case por azar– como íncipit do relato. E dende o comezo é imposible non poñerse ao lado do personaxe interpretado por Sally Hawkins, unha versión feminina e contemporánea de Ricardo III. Como o rei difamado pola historia, ela tamén é unha persoa xulgada inxustamente. Estamos do seu lado, incluso cando o filme roza o patolóxico e vemos a Philippa instaurar un diálogo aparentemente real co fantasma de Ricardo III. Neste caso, Frears recorre ao humor para salvarnos dunha deriva psico-patolóxica e o filme mantense no seu rexistro agradable e positivo. En The Lost King hai unha atención moi especial no guión e os diálogos están cargados dun punzante humor inglés.

The Lost King é unha oda ao amateurismo e á perseveranza onde non faltan as críticas ao academicismo e as institucións. O director, ademais de considerarse como un artesán do cinema, tamén adoita ser un home de poucas palabras nas entrevistas, e colle a oportunidade para expresar o seu punto de vista sobre os discursos magnilocuentes no tramo final. Como outras das películas de Frears, é unha obra só aparentemente áxil, sen pretencións. Pero que as reflexións que abre sobre os falsos históricos, é moito máis profunda do que pode parecer a primeira vista.

Te puede interesar