O libro, da editorial Bolanda, analiza a influencia do medio na emigración ou a República

Unha publicación recolle a historia da radio en Galicia

Rebolo, Soengas, Couto, Palmeiro, Cabaleiro e Rodríguez, na presentación en Santiago. (Foto: )
'Galicia pola radio.
A historia falada. 1933-2008'. Este é o título do libro que se presentou onte en Compostela. Trátase da última fase do proxecto cultural 'Galicia pola radio' que serviu para conmemorar os tres cuartos de século da radio na comunidade e que comezou cunha exposición e un congreso na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. Esta publicación, que xa está dispoñible nas librarías, recolle 'todo o traballo de investigación e divugación das oito décadas de radio en Galicia', segundo indicou Antonio Couto, da editorial Bolanda. O coordinador da obra, o profesor Manuel Rodríguez, destacou o vangardista deseño da publicación e a inclusión 'dunha cronoloxía comparada da historia da radio galega a modo de cartel realmente interesante'.

Ademais de Manuel Rodríguez, colaboraron no libro destacados profesionais da radio como Xosé Ramón Pousa, Xosé María García Palmeiro, Xosé Soengas ou Mónica Rebolo. Cada un deles encargouse dun aspecto diferente relacionado co medio. Así, Rebolo adicouse á radio da emigración como 'parte esencial da radio galega' posto que, como asegurou o catedrático de Comunicación Audiovisual, Xosé Soengas, a radio foi o 'vínculo co exterior nunha sociedade rural e analfabeta como era a galega'. Soengas fai no libro un repaso á historia da radio a través dos diferentes momentos históricos que viviu, dende a República ata a democracia pasando pola Guerra Civil e a ditadura.

Pousa adica o seu espazo ao presente e futuro da radio mentres que Palmeiro fai unha fermosa crónica sentimental dun medio que marcou toda a súa vida 'a profesional pero tamén a persoal'. Pero máis alá dos textos, a obra destaca pola ampla recompilación fotográfica que mostra 'a influencia que a radio tivo na vida cotiá dos galegos e como quedou retratada nos momentos máis íntimos, festivos e difíciles das nosas vidas', tal como asegurou Rodríguez.

Te puede interesar
Más en Sociedad