O trío galego Tanxugueiras preséntanse á preselección para ir a Eurovisión

Tanxugueiras poderían ir a Eurovisión se gañan no Benidorm Fest.
photo_camera Tanxugueiras poderían ir a Eurovisión se gañan no Benidorm Fest.
Fano "en galego" e coa sonoridade doutros éxitos como 'Figa' ou 'Midas'

Tanxugueiras, o trío de pandereteiras galegas formado por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, e célebre por éxitos como "Figa" ou "Midas", confirmou onte nas súas redes sociais que se presentan á preselección de Eurovisión que organiza RTVE a través do Benidorm Fest. E fano "en galego, con pandeiretas e coa nosa sonoridade", tal e como dicían.

Tanxugueiras foi a opción predilecta dos eurofans no portal web Eurovision Spain, que tamén recolleu a primicia. A posibilidade de que puidesen participar en Turín na edición deste ano do festival europeo xerou unha corrente de interese que influíu na súa decisión, segundo declararon as artistas a este dixital temático. A maiores, adiantaron que o tema que presentan á candidatura ten unha liña similar a "Figa" e "Midas".

A música das artistas galegas mestura elementos da música tradicional con outros provintes de sons urbanos ou electrónicos, formando deste xeito a súa particular fusión de estilos. Proba do seu éxito son as súas cifras. As devanditas cancións superan as 500.000 visualizacións en YouTube e tamén colleitan centenares de milleiros de escoitas en Spotify.

O camiño a Eurovisión estrea formato novo

O percorrido que teñen por diante non é sinxelo. Este ano o artista que representará a España en Eurovisión sairá dun proceso notablemente similar ó Festival da Canción de Sanremo, o festival nacional da canción de Italia e que tamén funciona como selección para o concurso. Os últimos gañadores foron Måneskin, que á postre acabarían alzándose coa vitoria en Eurovisión.

Bautizado como Benidorm Fest, estará organizado en dúas semifinais e unha final. Participarán un total de 12 artistas que se someterán ao televoto e ao voto dun xurado nacional e outro internacional; a maiores dun que representará á poboación española. Para acceder ao festival, RTVE seleccionará de entre as propostas presentadas na web -pódese inscribir calquera que cumpra as bases- un mínimo de dúas. Aos participantes que consigan clasificarse uniránselles outros músicos invitados.

Te puede interesar