Valentín García: 'A lei obriga a preguntar sobre a língua materna'

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, manifestou onte sorpresa polas críticas da oposición, en particular do Bloque, despois de que Educación consultase a pais de alumnos que cursan ensino infantil pola lingua materna deses menores xa que é unha cuestión que así 'está contemplada' na normativa vixente.
García dixo que 'non vemos o problema en preguntarlles que lingua fala na casa ese neno. É unha pregunta que vén obrigada na propia lei de normalización lingüística e en absolutamente todos os decretos que se desenvolveron despois, incluído -remarcou o secretario xeral- o que aprobou o goberno bipartito no seu día'.

Despois de participar na inauguración da XXVI edición dos cursos de verán de Lingua e Cultura Galega para estranxeiros na capital galega, insistiu en que 'non o entendo de verdade, porque é unha pregunta que se fai no medio doutras moitas que son preguntadas aos pais, nais ou titores cando os seus fillos de tres anos ingresan no sistema educativo'.

Así se fai, resaltou, desde o ano 1983, e a propia lei de normalización lingüística, reiterou, 'dinos que temos que coñecer a lingua materna dos nenos e nenas ao ingresar na escola'. É unha pregunta 'por outro lado, que tamén facía o goberno bipartito do que formaba parte o BNG. Entón, como se pode ver claramente, pois non entendemos por que agora a oposición fai unha pregunta que está dentro dun bloque inmenso de preguntas'.

Te puede interesar