Yolanda Castaño: “En épocas pasadas o meu traballo foi cuestionado"

A poeta galega Yolanda Castaño.
photo_camera A poeta galega Yolanda Castaño.

Yolanda Castaño é poeta e tradutora

As letras galegas están de sorte este ano 2023: a poeta Yolanda Castaño foi galardoada co Premio Nacional de Poesía que outorga anualmente o Ministerio de Cultura e Deporte. O poemario “Materia” foi o motivo polo cal lle foi concedido este premio, que é o máximo recoñecemento nacional no eido da poesía. 

Na súa etapa moderna, o Nacional de Poesía foi gañado por cinco galegos: o ourensán José Ángel Valente (1993 e 2001), Manuel Álvarez Torneiro (2013), Pilar Pallarés (2019), Olga Novo (2020) e Yolanda Castaño (2023). A Valente premiáronselle senllas obras en castelán; nos outros casos premiáronse obras publicadas en galego.

Como é vivir da poesía?

Para comezar diría que é extremadamente difícil, requírense moitos anos de investimento previo. Eu tiven a sorte de comezar moi cedo, porque cando empezas no oficio con 17 anos pódeste permitir o luxo de intentalo nos dez primeiros e se non funciona cambiar de opción. Os pasos son moi demorados. Ao principio ata tes que poñer cartos do teu peto. Eu estiven anos autofinanciándome os meus recitais, ata que pasaron os anos e xa comezaron a compensarme os gastos ata chegar a que remuneraran o meu traballo. 

Cal diría que é a clave?

Trátase de facer un traballo moi delongado e entregado, de poñer a poesía no lugar central do teu tempo e do teu esforzo, pero tamén de multiplicar as saídas e as fontes do oficio. Non só hai que escribir poesía e vivir diso, xa que tamén é materialmente imposible.

Que maneiras recomenda?

Podes traducir poesía, producir videopoesía, facer contidos para nenos e nenas, estar de xurado en certames, replicar poemas, xuntar a poesía a outras linguaxes creativas, falar e reflexionar en mesas redondas, acudir a encontros no estranxeiro, introducir a música na poesía. En definitiva, desenvolver proxectos de todo tipo que teñan vinculación coa poesía ou con poetas. 

Cre que axuda a dignificar a profesión?

O contexto segue sen ser todo o proclive para que se recoñeza a poesía coma un oficio. Aínda así, cómpre investir moito tempo e concienciar as institucións, as asociacións e as entidades de que o traballo cultural tamén é un traballo.

Como soubo que tiña que dedicarse a poesía?

Non o souben. Alguén dixo que a vida é aquilo que vai acontecendo mentres ti fas outros plans e no meu caso tiña razón. Para min non foi unha cuestión de saber, senón de sentir, e eu sentía que tiña que intentalo e depositar toda a paixón no que máis amaba, todo a marxe dos beneficios que me puidese traer. Emprender este camiño, o da poesía, comprende moitas renuncias e implica renunciar ao paquete completo de ideal capitalista que promove o sistema. Esquécete de ter unha segunda residencia na praia, dous fillos, un can e vacacións na outra punta do mundo. Talvez hai que renunciar a un sistema de vida máis tradicional e procurar unha felicidade máis alternativa. 

Séntese máis vixiada polo feito de ser muller?

A nós sempre se nos cuestionou máis e dende máis puntos de vista, o fallo permítese aínda menos e o descoido págase máis caro. Parece que hai que duplicar os esforzos para demostrar a nosa valía dende todos os puntos de vista. En épocas pasadas cuestionouse moito o meu traballo, desacreditouse ou frivolizouse, en ocasións por cuestións tan pouco relacionadas co meu traballo como o aspecto que tiña. Contra isto, a única resposta que tiñamos na nosa man era o noso propio traballo. 

Que fai cando non hai inspiración?

Levántome da mesa e marcho. No caso da poesía, cando non existe inspiración, inclinación, disposición ou vontade paréceme absurdo esforzarse en chamar polas musas. Esa inspiración atrápanos moi de cando en vez e o resto do tempo esperamos por ela coma canciños, pero sempre é mellor non forzar as cousas. É mellor saír ao mundo e a vida e enchouparse daquilo que acontece para que días, semanas ou meses máis tarde floreza unha idea. Cando chega esa inspiración si que hai que sentarse ou deter o coche nunha cuneta. 

En “Materia” cuestiona a familia tradicional. Vostede rexeitouna?

Eu escollín unha vida alternativa porque así o sentín. Escollín viaxar polo mundo e dedicar a miña vida a facer arte e poesía.

Hai quen aínda pensa que a muller debe ser nai.

A nós sempre se nos sinala como nais vocacionais. Cando unha muller é maior e non ten fillos, dáse por feito que non puido telos. Pero a opción de non querer tamén está aí, e moitas mulleres escollen ese camiño. Iso era o que quería visibilizar en “Materia”.

Un autor ou autora?

Agora mesmo diría a María Ángeles Pérez López e a Jesús Castro Yáñez. 

Unha artista?

Son moi devota de Björk.

Un filme?

“O corno”, de Jaione Camborda.

Te puede interesar